A Xungla de Calais ten os días contados

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DE LA ESCUELA

Inmigrantes da Xungla de Calais intentan agocharse nun camión para acceder ao Reino Unido
Inmigrantes da Xungla de Calais intentan agocharse nun camión para acceder ao Reino Unido PHILIPPE HUGUEN

A Xungla de Calais ten os días contados

28 sep 2016 . Actualizado a las 20:27 h.

O calendario marcaba o ano 2009; mes: setembro. No Elíseo, a residencia oficial do xefe de Estado de Francia, residía o conservador Nicolas Sarkozy. Ao norte do país, na pequena cidade de Calais, centos de emigrantes malvivían nun poboado chamado en argot, desde o ano pasado, a Xungla. Ese mesmo mes, mentres no sur comezaban a vendima, a policía desmantelaba a Xungla e apresaba a case 300 inmigrantes, sobre todo iraquís e afgáns.

Xusto sete anos despois, a historia repítese. Pero xa non hai uns centos de inmigrantes ilegais na Xungla, senón milleiros e milleiros. Xa non ocupa Sarkozy a presidencia do país, senón o socialista François Hollande, e os métodos son diferentes. En vez de destruír o poboado e espallar sen control aos residentes nel ?co agravamento dos pequenos roubos nas localidades preto de Calais e a alarma social que iso suscitou-, agora a proposta da Administración e pechar a Xungla pero repartindo aos seus ocupantes por toda Francia.

Nesa liña, Hollande anunciou hai dúas semanas a creación de 12.000 prazas nos chamados centros de acollida e orientación, e nun tempo mínimo quedaron preparadas as primeiras 9.000. Pero non o vai ter doado: a dereita, aglutinada agora no partido Os Republicanos saíron sen perda de tempo á palestra denunciando que «o Goberno di que vai crear mini-Calais en toda Francia». Tamén as rexións puxeron o grito no ceo, como fixo por exemplo a de Provence-Alpes-Costa Azul, que anunciou a súa «total oposición», mentres algúns deputados falaban de «tolería» e «provocación».

Por suposto, houbo un efecto chamada. O Goberno estimaba en 6.900 as persoas que residían na Xungla esperando cruzar o canal da Mancha polo Eurotúnel ?algún xa morreu electrocutado no intento- ou agochados en camións ou outros vehículos que soben constantemente aos transbordadores. Os sindicatos policiais aseguran que agora mesmo hai polo menos 10.000. E é que ninguén quere perder a oportunidade de atopar un sitio onde residir e ter o xantar garantido: peor non vai ser.

Pero si pode ser. O ministro do Interior, Bernard Cazeneuve, comunicou aos prefectos de todo o país que a quen estea en situación irregular e non presente unha demanda de asilo «se lle aplicará os dispositivos de expulsión ou de axuda á volta voluntaria ao seu país de orixe». O problema para Francia radica en que a gran maioría dos que esta mesma noite van durmir na Xungla romperon, ou están a piques de facelo, toda a súa documentación precisamente porque se non se sabe de onde veñen non hai a onde expulsalos.

«A situación é insostible por motivos humanitarios e de orde pública»

PHILIPPE RICHOU, CONSELLEIRO DA EMBAIXADA DE FRANCIA EN MADRIDPhilippe Richou, máster en Dereito Internacional Público, é conselleiro de prensa e comunicación da Embaixada de Francia en Madrid, á que chegou no 2013. Procedía da legación diplomática do seu país en Bos Aires, onde era conselleiro político. Richou tivo a deferencia de respondernos o 21 de setembro, é dicir, unha semana antes da visita do presidente francés, François Hollande, a Calais.

?Por que cre o seu goberno que desmantelar a Xungla de Calais é a mellor opción?

?A situación en Calais é insostible por motivos humanitarios: Francia non se pode resignar a que seres humanos vivan en condicións de extrema precariedade social e sanitaria no seu territorio; e de orde pública: a poboación de Calais e dos seus arredores aguantou demasiado soa, desde hai moito tempo, as consecuencias dunha crise internacional. Por iso, a vontade do Goberno é desmantelar o campamento, unha vez se reúnan as condicións para propor a cada un dos ocupantes unha solución individual.

?Repartir a eses inmigrantes por Francia, non é repartir o conflito?

?Primeiro hai que distinguir os candidatos ao asilo en Francia dos demais. Os migrantes que non queren pedir asilo en Francia ou que non poden aspirar a esta protección terán que saír, non poderán establecerse de xeito duradeiro en Francia. E, asumindo con responsabilidade os seus compromisos internacionais, Francia tampouco considera a posibilidade de permitir a súa entrada irregular no Reino Unido. Segundo, trátase de dar vida á solidariedade nacional: un municipio só non pode asumir unha crise destas proporcións, para iso existe a comunidade nacional. Hai tamén un elemento humanitario de orde práctica, a vontade de Francia de ofrecer condicións de vida e integración satisfactorias aos que van solicitar asilo, e isto require unha mobilización a nivel nacional. Cabe recordar, finalmente, que a orientación dun solicitante de asilo cara a un lugar en particular do territorio nacional faise en base ao voluntariado.

?Ten o seu Goberno algunha estimación de cantos inmigrantes ilegais hai agora mesmo no seu país?

?Precisamente por se atopar en situación irregular, resulta difícil dar unha cifra fidedigna. O que sabemos, porque é prioritario para as forzas de seguridade, é que hai un gran número de organizacións de trata que instrumentalizan a dor humana. No ano 2015, 251 organizacións deste tipo foron desmanteladas en Francia. Avogamos por unha mellor administración das fronteiras comúns de Europa, que debería ser máis solidaria. A maior protección das fronteiras e o control da inmigración son requisitos fundamentais para que Europa poida acoller con dignidade a parte que lle corresponde do fluxo de refuxiados xerado polas guerras en Oriente Medio, Asia ou África. Francia asume plenamente a súa responsabilidade nesta materia con máis de 25.000 estranxeiros que recibiron protección no 2015, amais dos 200.000 refuxiados xa presentes no seu chan. O meu país, en aplicación dos compromisos solidarios cos seus socios europeos, propuxo ata agora 3.400 recolocacións, é dicir, acoller a solicitantes de asilo situados en Grecia ou en Italia. Neste marco, 1.300 persoas xa chegaron ao territorio nacional. Por outra banda, case 2.000 xa se fixeron reasentamentos, é dicir, que Francia acolleu a case 2.000 candidatos ao asilo que se atopaban noutros países. A meta dos reasentamentos é aliviar o peso soportado por destinos como Líbano, Xordania ou Turquía. Finalmente, quero mencionar que Francia, cun dispositivo nacional único en Europa, outorgou a 2.000 sirios e 1.200 iraquís en situación de vulnerabilidade visados que lles permiten entrar en Francia para solicitar asilo directamente.

ACTIVIDADES

  • Mira nun mapa onde está Calais. ¿A que país cres que queren pasar eses inmigrantes?
  • ¿Ti que farías? ¿Os deixarías así ou estás de acordo coa iniciativa do Goberno francés? ¿Algunha outra idea?
  • Para comprender a situación quizais axude elaborar por grupos un mural. ¿De onde vas sacar as fotos? De Internet. Se pos en Google «Xungla Calais» atoparás centos delas.
  • Hai tres palabras que debemos coñecer: «Eurotúnel» (¿que quere dicir iso de «euro», que hai que pagar para ir por el, de onde a onde vai; sabías que é unha idea de 1802 (na Wikipedia tes máis información)?; «prefecto « (tamén está na Wikipedia) e «oposición» (refírese á oposición política).
  • Este tema vai dar de si, porque xa existía o problema hai sete anos e non se avanzou moito. Ségueo nas páxinas do xornal día a día.