¡A poñerse as pilas!

Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

Un dos primeiros pasos do DAFO é analizar se o neno ten algunha dificultade, por exemplo coas matemáticas
Un dos primeiros pasos do DAFO é analizar se o neno ten algunha dificultade, por exemplo coas matemáticas Nate Pesce

O método DAFO pode axudar a marcarse obxectivos e mellorar resultados

11 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de máis de dúas semanas de vacacións, repletas de festas familiares, excesos do Nadal e horarios relaxados, custa un pouco aterrar de novo na rutina escolar: madrugas, clases, actividades extraescolares, exames… e materias pendentes de recuperar no caso dos que obtiveron suspensos na primeira avaliación. Así que non queda máis remedio que pórse as pilas e comezar a traballar para mellorar resultados. Pero é importante ter claro que o que non funcionou no primeiro trimestre non vai facelo agora. Así que continuar con máis do mesmo non é nada recomendable: ou se cambian hábitos e se trazan estratexias diferentes ou o resultado previsible vai ser similar.

O primeiro paso, antes de marcarse obxectivos, é analizar cada situación particular. Para facelo pode resultar útil recorrer ao método DAFO e as súas catro variables:

1. Debilidades: aspectos internos que reducen ou dificultan as posibilidades de triunfar, é dicir, de sacar boas notas (mala comprensión lectora, falta de motivación…).

2. Ameazas: circunstancias externas, previsibles, que poden entorpecer ou boicotear este proceso (dependencia das pantallas, exceso de actividades diarias…).

3. Fortalezas: recursos persoais, capacidades e puntos fortes (bo comportamento, boa capacidade de comprensión…).

4. Oportunidades: vantaxes da contorna que se poden aproveitar para conseguir o éxito académico (contorna familiar adecuada, exames de recuperación, profesores de apoio…).

En todo caso, as fortalezas deben usarse, as debilidades minimizarse, as oportunidades aproveitalas e as ameazas... ¡intentar esquivalas!

Un pouco de autocrítica

Anima ao teu fillo a subliñar os enunciados cos que se identifica, a engadir outros e, a partir desta reflexión, a proporse obxectivos para a segunda avaliación do curso.

Anima ao teu fillo a subliñar os enunciados cos que se identifica, a engadir outros e, a partir desta reflexión, a proporse obxectivos para a segunda avaliación do curso.

FACTORES INTERNOS

NEGATIVOS (debilidades)

  • En canto a aptitudes: teño pouca capacidade para memorizar; dificultade coas matemáticas; mala comprensión lectora...
  • En canto ao comportamento: cústame atender as explicacións; ás veces chego tarde a clase; teño algúns problemas de comportamento; falto a clase…
  • En canto a coñecementos: teño mala base en matemáticas; apenas sei inglés; teño moitos erros ortográficos...
  • En canto a hábitos: só estudo o día antes do exame; son moi desorganizado; non utilizo ningún método de estudo...
  • En canto á motivación: non teño claro se quero estudar nin para que me serve todo isto; odio a materia de…
  • En canto á saúde: adoito deitarme moi tarde; teño algún problema de saúde; non fago nada de exercicio...

POSITIVOS (fortalezas)

  • Aptitudes: son bo en…; enseguida comprendo as explicacións...
  • Comportamento: nunca ou case nunca me chamaron a atención; non teño ningún problema de conduta.
  • Coñecementos: teño un bo dominio dos idiomas estranxeiros; redacto bastante ben...
  • Hábitos: adoito estudar case todos os días; subliño e fago esquemas...
  • Motivación: teño claro que quero sacar o título canto antes...
  • Saúde: durmo as miñas oito horas, aliméntome ben e non padezo ningún trastorno de saúde que me perturbe.

FACTORES EXTERNOS

NEGATIVOS (ameazas)

  • Desde o centro educativo: as normas disciplinarias son demasiado esixentes; hai algúns profesores aos que non entendo a súa forma de explicar; en época de exames noto tanta ansiedade que me bloqueo...
  • Desde a familia: teño problemas familiares que me distraen dos estudos; non teño un lugar de estudo fixo; léome con Internet e pódome pasar horas; encántame pasar horas ante as pantallas: videoxogos, computadores, televisión, móbil…
  • Desde o grupo de amigos: acaban por convencerme para saír máis do que debería; distráenme en clase; non sei dicir non a nada; recoñezo que estou todo o tempo pendente das mensaxes do móbil…

POSITIVOS (oportunidades)

  • Centro educativo: hai exames de recuperación das materias pendentes; hai clases de reforzo ás que me podo apuntar; se aprobo inglés neste curso xa queda aprobado o do ano pasado; podo quedar na biblioteca a estudar cada día...
  • Familia: os meus pais apóianme nos meus estudos, incluso me pagan un profesor particular; en casa teño un lugar tranquilo para estudar; a miña nai sabe moitas matemáticas e explícame se quero...
  • Grupo de amigos: podemos quedar para facer traballos xuntos; pódolles pedir que me axuden con algunhas materias; sérvenme de apoio...

Escuela de padres

TEMA DO MES: Plan para mellorar os resultados da primeira avaliación.

ETAPA: Infancia e adolescencia.

? UN DATO: Un rendemento académico satisfactorio depende , en gran medida, dos hábitos de estudo establecidos en casa desde os primeiros anos de escola.

? COMPORTAMENTOS QUE SE DEBEN EVITAR:

Pensar que os malos resultados da primeira avaliación vanse solucionar na segunda de forma natural (sen introducir ningún cambio, aumentar tempo de estudo, clases de reforzo...).

? ALGUNHAS CLAVES: Analizar que puido pasar no anterior trimestre e trazar cambios que melloren o resultado.

? PARA SABER MÁIS: O método DAFO, aínda que naceu como método de análise empresarial, é de gran utilidade para aplicar ao contexto escolar. Na web é fácil atopar táboas en branco para cubrir, por exemplo esta: https://goo.gl/2CIQEA