Temos que falar

> Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

A adolescencia é un período difícil de por si, pero falar cos fillos axuda a atopar solucións negociadas aos problemas
A adolescencia é un período difícil de por si, pero falar cos fillos axuda a atopar solucións negociadas aos problemas CAPOTILLO

Na adolescencia é necesario reforzar a comunicación cos fillos

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Os mozos de hoxe en día aman o luxo, teñen pésimos modais e desdeñan a autoridade. Mostran pouco respecto polos seus superiores e están sempre dispostos a contradicir os seus pais e tiranizar os seus mestres». ¿É esta unha visión actual da realidade dos nosos adolescentes? Podería selo, pero o autor deste texto foi o filósofo grego Sócrates e escribiuno no século V antes de Cristo. O certo é que a revolución hormonal, a rebeldía, a teimosía, o mal humor, a impulsividade e as condutas desafiantes son propias desta etapa de transición entre a infancia e a idade adulta. O problema é que este particular estado de ánimo dificulta a convivencia e xera múltiples conflitos cos adultos ata chegar á desesperación. Os problemas de rendemento escolar, as adiccións (tabaco, alcol, drogas) e as condutas de risco (nas relacións sexuais ou na estrada) son os tres grandes cabalos de batalla a estas idades. O certo é que unha mala decisión pode condicionar toda unha vida. Pero os pais non podemos encerralos nunha burbulla, aínda que nos daría moita máis tranquilidade.

Ante os desacordos, os expertos en educación recomendan recorrer a técnicas de negociación para chegar a pactos que supoñan unha satisfacción relativa para uns e outros: as dúas partes gañan e perden algo, pero polo menos chégase a unha solución. Esta técnica, que se coñece como comunicación efectiva, esixe paciencia e experiencia. E seguir unhas sinxelas orientacións:

1. Comezar unha conversación tranquila sempre por algo positivo (se é posible). A ninguén lle gusta recibir críticas, así que, se vai precedida dalgún aspecto positivo, evítanse as posturas á defensiva. É mellor dicir «Xa sei que te esforzaches, pero tes que dedicarlles máis tempo aos estudos» que dicir «Xa sabía eu que non se podía confiar en ti».

2. Evitar as xeneralizacións do tipo «Ti sempre...» ou «Ti nunca...».

3. Discutir só un problema cada vez. Abordar varios temas pode lealo todo. «Por certo, ¿que foi do diñeiro que tiñas na hucha?».

4. Expresar os sentimentos: «Cando fas iso, eu síntome...».

5. Admitir a propia responsabilidade no problema que se discute. «Recoñezo que ás veces perdo os nervios e che grito, e iso non está ben».

6. Centrarse en buscar solucións alternativas. Definido o problema, se non se chega a este punto, o proceso non terá servido para nada.

7. Analizar as vantaxes e desvantaxes de cada solución proposta.

8. Definir os acordos aos que se chega e esixir o seu cumprimento: «Chegamos a este acordo, eu comprométome a isto e ti a isto outro».

9. Cumprir sempre as consecuencias (positivas ou negativas) do acordado previamente.

10. Dar novas oportunidades. Para iso necesítase sentido común, empatía e moita paciencia.

Que tipo de proxenitor es?

Aínda que calquera clasificación pode interpretarse como simplista, estes catro modelos de estilos educativos dannos unha idea de ata que punto pode chegar a ser certo o refrán de tal pau, tal acha:

Autoritario: Es ríxido no establecemento de normas e valoras, por encima de todo, a obediencia. Non hai negociación ante as normas nin unha comunicación fluída entre pais e fillos. As cousas fanse «porque eu o digo».

  • Esta actitude adoita dar lugar a fillos dependentes e irresponsables que, cando non se senten vixiados, aproveitan para portarse mal e desafogar a súa frustración e, en ocasións, a súa rabia contida.

Permisivo: En xeral deixas aos teus fillos que fagan o que queiran (cun límite moi laxo) sen esixir nada ou moi pouco a cambio. O nivel de comunicación entre pais e fillos é bo, de igual a igual, case de colegas.

  • A figura dos pais é especialmente importante na adolescencia, etapa na que os fillos necesitan modelos maduros e adultos de referencia. De pais moi permisivos adoitan formarse fillos inmaturos con problemas para controlar os seus impulsos e con pouca tolerancia á frustración.

Despreocupado: Queres aos teus fillos pero recoñeces que non tes tempo (entre os teus compromisos profesionais e persoais) para preocuparte demasiado polo seu día a día.

  • A educación dos fillos implica necesariamente ofrecerlles tempo e atención de forma activa. Estes adolescentes desatendidos poden chegar a ter graves problemas afectivos e de personalidade.

Democrático: Es consciente de que os teus fillos xa non son uns nenos, polo que lles vas deixando progresivamente máis autonomía á vez que aumentas as súas responsabilidades. As normas que deben cumprir son razoables e claras. Sabes negociar acordos, manterte firme cando é necesario e ofrecer altas doses de afecto.

  • Os fillos adolescentes de pais democráticos, á marxe dos conflitos propios da idade, que tamén terán, adoitan ser responsables, independentes, con equilibrio emocional e con menos trastornos de conduta.

Escuela de padres

? TEMA DO MES: A etapa da adolescencia.

 

? ETAPA: Educación secundaria.

 

? A FRASE: «Se durante a adolescencia tomamos as decisións adecuadas, o resto da viaxe consistirá en mantelas e cultivar os seus froitos» (Sean Covey).

 

? COMPORTAMENTOS QUE SE DEBEN EVITAR: Aceptar a chantaxe («Se non me deixas saír cos meus amigos non vou a clase»).

 

? ALGUNHAS CLAVES: Practicar a escoita activa. Demostrarlles que nos interesa o que nos contan, os seus puntos de vista e os seus sentimentos.

 

? PARA SABER MÁIS: «¿Sabes negociar con tu hijo adolescente? Negociación sí, chantaje no», de Emilio Pinto: https://goo.gl/azTtfG