En plena estación da vida

Fran Armesto

LA VOZ DE LA ESCUELA

Unha abella liba nunha umbelífera na que destacan os estames, cuxo polen viaxará co insecto para fecundar outras plantas
Unha abella liba nunha umbelífera na que destacan os estames, cuxo polen viaxará co insecto para fecundar outras plantas Carlos Ocampo

A primavera esperta a reprodución sexual das plantas

19 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A supervivencia e a reprodución sexual son os dous obxectivos que gobernan a vida dos seres vivos. A mensaxe que a natureza parece ter escrito por todas as partes é, en poucas palabras, sobrevive e fai fillos. A reprodución non significa nada para a vida dun individuo, non é importante para a súa supervivencia, pero é a que garante a continuidade do grupo, da especie e... da vida. Está claro que desde o punto de vista biolóxico debe ser certamente importante, pois a natureza foi pródiga en desenvolver estruturas, avisos, comportamentos e toda unha gama de exhibicións para facer patente a sexualidade.

ESCAPARATE SEXUAL

Coa chegada da primavera, a natureza vístese de rechamantes cores; unha ampla gama de amarelos, vermellos, brancos ou violetas transforman a verde paisaxe invernal. Aínda que a perspectiva humana envolveu esta época nun veo de romanticismo, a verdade é que tan poética estación non é máis que un alarde de sexualidade vexetal, pois as flores son os órganos sexuais das plantas. É unha época de belo exhibicionismo botánico do que todos gozamos, admirando tan flamantes órganos reprodutivos, aínda que non sexamos os destinatarios de tal exuberancia. Os pétalos das flores, cos seus aromas e cores, son como carteis publicitarios destinados a atraer insectos e facilitar a súa aterraxe. Serán eles os vehículos que transportarán o pole fertilizante dunhas flores a outras. A cambio, ofrecen néctar e outros manxares comestibles. A verdade é que existen outras formas de reprodución, pero a sexual é a que domina o escaparate da natureza.

A diferenza dos órganos reprodutores dos animais, que son estruturas permanentes que xa se desenvolven no embrión, as flores son estruturas temporais, que só aparecen periodicamente. Despois da fecundación, unhas partes da flor convértense no froito, onde se protexen e encerran as sementes, mentres que as demais morren e caen. Unha gran parte das flores son hermafroditas, é dicir, teñen os órganos sexuais masculinos e femininos. Se miramos no seu interior, atoparemos uns filamentos que terminan como en maza; son os estames, que forman a parte masculina da flor. Cara á base da flor adoita estar un pequeno engrosamento do que saen un ou máis filamentos, é a parte feminina. Nas mazas dos estames fórmanse os grans de pole, cada un dos cales porta dous gametos masculinos.

Cando o gran de pole chega á parte superior dos filamentos femininos, xermina e crece formando un tubo, o tubo polínico (no millo ata de 40 centímetros de lonxitude) por onde viaxan os gametos masculinos ata atoparse cos femininos. Un deles fecunda o óvulo e forma o embrión mentres que o outro se fusiona con outra célula para dar lugar a unha estrutura que rodea o embrión que se desenvolve e o nutre. O resultado é a formación das sementes: un estado de vida latente ata a xerminación.

Ao mesmo tempo, o ovario transfórmase no froito. Nun pexego, por exemplo, a pel, a carne e o óso do froito son tres partes distintas nas que se transforma o ovario e a améndoa que contén no seu interior é a semente.

Reprodución e evolución

Aínda que ningún outro grupo de seres vivos gana ás plantas con flores en exhibicionismo sexual, isto non quere dicir que sexan as inventoras de tal modalidade reprodutiva nin as únicas que a empregan. Hai uns 1000 millóns de anos que os microorganismos inventaron a reprodución sexual. A verdade é que debeu de ser un bo acerto, pois practicamente a totalidade dos seres vivos que apareceron desde entón e os que actualmente sobreviven servíronse dela. Os biólogos descubriron na evolución a causa da súa existencia. Os organismos non só necesitan perpetuar a especie, facer que teña continuidade no tempo, senón tamén cambiar, modificarse, adaptarse ao ambiente variable onde viven; é dicir, necesitan evolucionar.

A reprodución sexual permite unha evolución moito máis rápida que a asexual. Mediante a primeira garántese variabilidade nos fillos, o que redunda nunha maior capacidade para que, fronte a un cambio ambiental, algún deles poida sobrevivir. Mediante a segunda, todos os descendentes son exactamente iguais ao proxenitor, o que reduce as posibilidades de sobrevivir fronte ao mesmo cambio ambiental.

Isto non exclúe, con todo, que moitos organismos practiquen con éxito a reprodución sen sexos, ou reprodución asexual. Algúns, por exemplo, emprégana para estenderse en pouco tempo nun territorio. Así é como algunhas plantas acuáticas (lentellas de auga, elodeas) invaden unha charca con gran rapidez.

Outra forma de reprodución asexual nos vexetais é a formación de xemas, un pequeno grupo de células capaces de botar raíces e converterse nunha planta enteira. Talvez as xemas máis coñecidas sexan as das patacas, esa especie de dedos ou ollos que son de cor branca. Outra modalidade é a formación de estolóns, unha especie de talos rastreiros sobre os que se forman xemas das que nacerán novas plantas. Os amorodos son, seguramente, o exemplo máis coñecido. Dabondo é sabido polos xardineiros e afeccionados a estes labores que moitas plantas poden reproducirse mediante escallos. Basta cortar unha pequena rama e plantala para que se desenvolva un novo individuo.

 

ACTIVIDADE

Consulta unha guía de campo para identificar algunhas das plantas que xa están a florecer na túa contorna neste momento. n Utiliza unha lupa para observar as diferentes partes dunha flor (estames, pistilos, etcétera). Fai o mesmo con varias flores diferentes para descubrir a variabilidade que teñen estas estruturas.