Unha barca para facer o Camiño de Inverno

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

RAFA PRADO

En directo | Itinerarios da Ribeira Sacra O consorcio turístico financiará a redacción dun proxecto de construción de embarcadoiros para completar a ruta histórica entre Ribas do Sil e A Pobra do Brollón

12 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O paso do Sil entre os municipios de Ribas do Sil e A Pobra do Brollón é un dos principais obstáculos para o Camiño de Inverno desde que comezou a promoción desta ruta histórica. O consorcio turístico da Ribeira Sacra pretende axudar a solventar este problema concedendo unha axuda de 12.000 euros para redactar o proxecto de construción duns embarcadoiros na aldea restaurada da Cubela e Vilachá, a fin de facilitar o paso do río. O Concello de Ribas do Sil, explica o tenente de alcalde Roberto Castro, estaría disposto a trasladar ao outro lado do río os turistas que percorran o Camiño de Inverno. Para iso podería utilizarse a barca da agrupación local de Protección Civil. «Iso sería ao principio, pero máis adiante, se hai unha afluencia importante de visitantes, pensamos que este servizo podería asumilo a iniciativa privada», explica Castro. Non obstante, os responsables municipais de Ribas do Sil puntualizan que o que financiará o consorcio é só a redacción do proxecto e que máis adiante habería que buscar outras fontes de financiamento para levar a cabo as obras. Roberto Castro indica que estes embarcadoiros requerirán certa complexidade técnica, xa que as augas do Sil están encoradas na zona da Cubela e experimentan importantes subidas e baixadas de nivel. A redacción do proxecto non se fará ata o ano próximo, xa que entrará na terceira anualidade do consorcio. De maneira que polo momento só se poderá percorrer o Camiño de Inverno utilizando o desvío por Barxa de Lor, a fin de evitar o paso do Sil, que é o único percorrido posible na actualidade. O tramo do Camiño de Inverno que discorre por Ribas do Sil, por outro lado, será escenario o próximo domingo dun novo percorrido guiado, organizado pola asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra en colaboración co Concello. Os participantes sairán en autocar da praza da Compañía de Monforte ás 9.30 horas. Unha hora despois, o percorrido comezará cunha visita ás obras do futuro albergue de peregrinos de Torbeo. O programa comprende tamén visitas á igrexa románica de Torbeo, aos lugares da Cubela e Castro de Abaixo e á praia fluvial de San Clodio.