O Concello e o BNG polemizan sobre o albergue do Courel

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA

LEMOS

O alcalde segue esperando que Turismo autorice abrir o local con máis de 39 prazas Os nacionalistas din que o alcalde ten a culpa do atraso na apertura da hospedaxe

13 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? problema da apertura do albergue turístico de Folgoso do Courel, que segue pendente de solucionarse, é motivo de polémica entre o goberno local e o BNG. O director xeral de Turismo, Rubén Lois, visitou o municipio a pasada fin de semana e entregou ao alcalde, José López Fontal, a autorización para abrir o establecemento con 39 prazas, en vez das cincuenta con que conta actualmente. O seu departamento xa manifestara con anterioridade que a normativa vixente non permite que un local do tamaño do albergue courelao teña ese número de prazas, por razóns de seguridade. O rexedor, porén, segue esperando que a Xunta permita que o albergue poida funcionar con máis de 39 liteiras. A portavoz municipal do Bloque, Vanesa Garrido, asegura en cambio que a responsabilidade do retraso na apertura do albergue é do alcalde, por non querer cinguirse á normativa legal. López Fontal afirma que a Dirección Xeral de Turismo aínda non tomou unha decisión definitiva a este respecto. «Cando viu o albergue, Rubén Lois deuse conta de que a cousa non era para tanto e dixo que ían estudar a posibilidade de autorizar algunhas prazas máis», explica. «Quedou de chamarnos nun prazo de oito ou dez días para solucionar o asunto e estamos esperando a súa decisión», engade. O alcalde di ademais que a adxudicataria do albergue «non acepta facerse cargo do establecemento nesas condicións, porque 39 prazas son demasiado poucas para que resulte rendible». Vanessa Garrido, pola súa parte, instou ao alcalde a «axilizar os trámite para que este establecemento se poña en marcha» e pediulle que «deixe de entorpecer un proceso que a estas alturas xa debería estar resolto». Ao seu xuízo, «o goberno municipal ten nas súas mans que o albergue empece a funcionar ou non» e a actitude do alcalde «prexudica non só á adxudicataria, senón ao conxunto do Concello». O albergue turístico foi construido polo Concello no edificio da antiga casa consistorial de Folgoso. O establecemento foi dotado con cincuenta liteiras, pero a Xunta impuxo a condición de suprimir once prazas para autorizar a súa apertura. O goberno local leva varios meses negociando para se permita un maior número de liteiras e por agora o establecemento carece de licenza municipal de apertura.