Iniciativas para popularizar a igrexa de Temes

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

En directo | Fomento do turismo cultural A asociación Lugopatrimonio presentou un folleto e un plano de sinalización para difundir o coñecemento do excepcional complexo arqueolóxico de Carballedo

12 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? igrexa de Santa María de Temes, a pesar da grande importancia histórica e arqueolóxica que lle dá o feito de encerrar algúns dos testemuños máis antigos da implantación do cristianismo en Galicia, tivo ata agora un peso limitado no turismo cultural. A asociación Lugopatrimonio presentou onte unha publicación e un proxecto de sinalización que pretenden axudar a popularizar este monumento do municipio de Carballedo. O colectivo, por unha parte, coordinou a edición dun folleto escrito polo arqueólogo Jaime Delgado Gómez, o especialista que estudou máis a fondo as lápidas e os relevos paleocristiáns e romanos descubertos na igrexa de Temes en 1974 polo párroco Segundo Capón. A publicación recolle, de forma moi resumida e didáctica, as investigacións feitas por Delgado e publicadas en 1997 no libro El complejo de Temes . A Dirección Xeral de Turismo editou 5.000 exemplares deste folleto, en galego e castelán, que serán repartidos por numerosas oficinas turísticas. Para máis adiante non se desbota a posibilidade de editar unha versión inglesa desta publicación. Por outro lado, por iniciativa de Lugopatrimonio, Turismo estuda un plano de sinalización para indicar a situación da igrexa de Temes desde Castro de Carballedo, A Barrela, Chantada e quizá tamén desde Monforte e outras localidades. Con estas medidas, Lugopatrimonio espera que Temes chegue a ser un dos monumentos máis visitados da Ribeira Sacra e da provincia. «A igrexa de Temes xa ten bastante fama a certos niveis e hai moitas excursións que se acercan a vela, pero non hai dúbida de que merece ser moito máis coñecida», sinala o escritor monfortino Lois Diéguez, presidente da asociación. Ata agora, o único material informativo de que podían dispor os visitantes de Temes eran as fotocopias dalgunhas páxinas do libro de Jaime Delgado que distribuía ás veces entre eles Segundo Capón. Polo momento, ademais, non hai ningún letreiro que indique a ubicación da igrexa e que destaque a súa importancia como monumento. O folleto sobre Temes é a primeira publicación promovida por Lugopatrimonio sobre a zona sur da provincia.