A Pobra do Brollón inagurará o sábado o novo programa de actuacións Músicas no Luscofusco

monforte / la voz

LEMOS

MARCOS RODRIGUEZ

30 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Doce grupos musicais participarán durante agosto no programa de ocio Músicas no Luscofusco, que o Concello da Pobra do Brollón desenvolverá por primeira vez ao longo do mes próximo. A iniciativa, que foi organizada en colaboración con diversas formacións locais, comprenderá ademais actuacións teatrais e de maxia e prestidixitación.

As primeiras actividades previstas neste programa ofreceranse este sábado, data na que actuarán a cantautora e compositora Najla Shami e o Mago Antón. Para o día 20, por outro lado, está prevista unha actuación do grupo Los Árboles, formado en parte por músicos oriundos do municipio. En total haberá sete concertos, que se celebrarán na área recreativa de Samugueiros.

Así mesmo, os días 11 e 25 -coincidindo coas tradicionais xornadas de feira na capital do municipio- haberá unha serie de pasarrúas a cargo de varios grupos de gaiteiros, entre eles o da escola municipal de música da Pobra do Brollón. O programa comprenderá tamén a representación da obra teatral Dura lex, da compañía Volta e Dálle, que se ofrecerá o día 22.

Para as noites de agosto

Coa posta en marcha da primeira edición deste ciclo musical e teatral, a intención do Concello -segundo explicaron os responsables municipais- é facilitar «unha proposta de lecer aos veciños e visitantes e ofrecer un luscofusco de ocio durante as noites do mes de agosto» na capital do municipio.