Reflexións dende a solidariedade máis absoluta

María José Pérez Vázquez

LEMOS

18 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai uns meses lin La cena, unha novela que transcorre no espazo de tempo que dura unha cea e na que os personaxes son dous irmáns e as súas respectivas parellas que se reúnen para analizar e buscar solucións ao problema no que se meteron os seus fillos. O libro non ten desperdicio na análise dos personaxes, actitudes, modos de pensar e de posicionarse ante a vida. O autor, holandés, baséase nun feito real acontecido mentres estaba en Barcelona, ao que se lle deu difusión en todos os medios de comunicación: a queima dun mendigo e a súa gravación por parte duns adolescentes.

¿A onde quero chegar? Esta fin de semana, polo que lin na prensa, nun espazo público de Monforte de Lemos e durante unha festa-concerto unha moza semiinconsciente sofre supostamente abusos sexuais por parte dun rapaz, coa subseguinte gravación e onde un grupo de persoas se xuntaron para mirar sen que a ninguén se lle ocorrese coller o teléfono e chamar a policía.

¿Que está pasando? ¿Por que a xente non reacciona ante feitos como os descritos que neste caso poñen de manifesto un machismo exacerbado e unha pasividade cómplice que podemos trasladar a moitas mortes de mulleres por parte das súas parellas sen ningunha resposta do seu entorno?

Para máis Inri interveñen os políticos que en vez de solidarizarse e poñerse á disposición da vítima, ocórreselles dicir cousas como hai que poñer máis policía?. Coma sempre, viven lonxe da realidade que os rodea da que non poden, non saben ou non lles interesa facer fronte.

Quero manifestar dende aquí a miña repulsa ante os feitos, a miña solidariedade coa vítima e dicirlle que o último que debe de facer é sentirse culpable. Haberá xente que dirá ¿e por que chegou a ese estado?, ¿como ía vestida?? Isto non son máis que prexuízos e unha sociedade non será desenvolvida mentres estes estean presentes en nós.

Creo que deberíamos reformular as nosas actitudes, deixar os ?díxome-díxome? de cafetería, e ante feitos coma estes solidarizarnos, denuncialos e repudialos, sería un inicio dun cambio moi importante na situación que presento.

Non me quero estender máis, só repetir a miña solidariedade coa vítima, que, sen dúbida, o está pasando extremadamente mal, e o meu apoio máis absoluto.