«Na casa hai moitas cousas con que xogar e aprender»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Un proxecto educativo para os nenos máis pequenos esténdese no sur lucense

30 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

María Luisa Rey preside a Asociación Socieducativa Antonio Gandoy, que continúa o labor do coñecido e veterano programa Preescolar na Casa, desaparecido no 2012. A entidade está actualmente presente en quince municipios galegos. O ano pasado iniciou as súas actividades en Quiroga e neste curso tamén as desenvolve en Monforte e Ribas do Sil.

-¿A quen están dirixidas as súas actividades?

-Ao igual que se facía en Preescolar na Casa, atendemos fundamentalmente a familias con nenos de ata 3 anos de idade. Normalmente, unha vez que os rapaces entran na escolarización, os centros educativos xa lles ofrecen actividades extraescolares que equivalen máis ou menos ao que facemos nós. Pero tamén podemos atender a nenos de ata 6 anos ou mesmo algo máis, se as familias están interesadas.

-¿En que consisten?

-O que facemos é sobre todo organizar uns encontros que denominamos Espazo das Familias e que duran dúas horas por semana. Nestas reunións participan os propios nenos e ao menos un membro adulto da familia, e están dirixidas por profesionais da educación que contan cunha experiencia ampla. O obxectivo básico é axudar aos pais a ser máis conscientes do seu papel como educadores e a ofrecerlles recursos para que poidan desenvolver mellor ese labor cos máis pequenos. Tamén poden falar dos seus problemas e as súas dúbidas. Para iso poden contar coa experiencia dos educadores profesionais e tamén coa doutras familias. Estas reunións caracterízanse por un ambiente relaxado e lúdico.

-¿Que cousas concretas poden aprenderse?

-Un aspecto fundamental é a utilización de materiais do entorno inmediato no que viven os nenos, materiais cercanos e accesibles que están ao alcance de todas as familias. Na casa hai moitas cousas con que xogar e aprender se sabemos utilizalas. Con elementos moi sinxelos e cotiáns poden organizarse xogos e fabricar xoguetes que interesen aos nenos e que favorezan o seu desenvolvememento. Para os pequenos, a implicación afectiva é moi diferente cando son os propios pais e familiares os que lles preparan un xogo que cando se limitan a comprarlles un xoguete.

-¿Organizan outras actividades ademais destas reunións?

-Tamén desenvolvemos uns obradoiros de xoguetes e música que denominamos respectivamente «Festa xogueteira» e «O son que nos arrola». Pero que ofrezamos estas outras actividades depende dos concellos e das familias. Hai sitios onde se fan e outros onde non.

-¿As familias teñen que abonar cotas para participar nestes encontros?

-Temos que cobrar un pouco para poder manter este programa. Se os concellos fan unha achega económica, a cota é de 45 euros por trimestre e se non a fan, sobe a sesenta euros.

-¿Nas reunións que se celebran nun municipio determinado poden participar familias doutros municipios próximos?

-Cando as organizamos coa colaboración do concello, loxicamente, as actividades diríxense en primeiro lugar aos veciños dese mesmo municipio. Se hai familias de zonas próximas que queren asistir ás reunións, pedimos permiso aos responsables municipais e se a eles lles parece ben, tamén as podemos aceptar. Iso é o que sucede praticamente en todos os casos. Iso si, as familias residentes noutros municipios deben abonar a cota de sesenta euros. Quen queira participar pode apuntarse en calquera momento, porque non seguimos un temario e é posible asimilar as cousas aínda que se comece máis tarde que os outros.