O Concello difundirá o ano que vén a obra de Manuel María

MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O alcalde destaca «a importante relación que o escritor tivo ao longo da súa vida coa Comarca de Lemos» e considera un acto «de xustiza» a difusión da súa herdanza literaria

02 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Sober aproveitará a decisión da Academia Galega de dedicarlle a Manuel María o Día das Letras 2016 para difundir a obra deste poeta. Trátase dunha proposta que levou o alcalde, Luis Fernández Guitián, ao pleno que se celebrou esta semana, o primeiro con carácter ordinario desde a constitución da nova corporación local.

Con esta iniciativa, que non chegou a votarse, o alcalde comprométese a «lembrar e enxalzar» a figura e a obra de Manuel María. Para explicar a súa proposta, Guitián subliñou «a importante relación que o escritor tivo ao longo da súa vida coa Comarca de Lemos» e considerou un acto «de xustiza» a difusión da súa herdanza literaria. Como primeiro recoñecemento simbólico, o alcalde leu no pleno o poema A fala.

O alcalde non concretou que tipo de actividades organizará o Concello para cumprir con este anuncio. Iso si, anticipou que o que poñan en marcha servirá para renderlle tributo a este escritor e para «que todos os nosos nenos e nenas e todos os veciños e veciñas coñezan o seu traballo por Galicia e polo noso idioma».

Durante o pleno, o alcalde explicou tamén a súa decisión de participar nas convocatorias da plataforma en defensa do sector lácteo. Guitián admite que Sober no é xa un municipio de forte produción leiteira, pero considera preciso «estar do lado dos gandeiros» para garantirlles prezos que lles permitan subsistir. O alcalde de Sober participou na reunión celebrada esta semana en Chantada, na que a plataforma pediu apoio a concellos, cooperativas e axentes sociais para a xornada de protesta preparada para o día 6 nesa localidade. Haberá una concentración de tractores e unha manifestación e os convocantes piden tamén un peche do comercio entre as doce da mañá e as dúas da tarde. O alcalde de Sober ten intención de participar nesas mobilizacións.