Un científico monfortino do século XIX que gaña unha nova popularidade no XXI

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Unha biografía e unha tese doutoral son as únicas obras dedicadas de forma específica ao químico Antonio Casares

02 dic 2015 . Actualizado a las 14:03 h.

Aínda que o químico monfortino Antonio Casares está considerado como un dos científicos máis importantes da historia de Galicia, hubo que esperar moito máis dun século desde o seu falecemento -en 1888- ata que aparecesen obras dedicadas especificamente á súa vida é a súa obra. A editorial Ouvirmos publicou recentemente a primeira biografía do investigador e profesor, escrita pola historiadora monfortina María Luisa Losada. Con anterioridade apareceu unha tese de doutoramento realizada por Ramón Cid Manzano, titulada Antonio Casares Rodríguez e a súa contribución á química e ao seu ensino na Universidade de Santiago e presentada na USC en setembro do 2012.

Antes destes traballos, a figura de Casares fora tratada con maior ou menor extensión en artigos aparecidos en diversas publicacións e en obras de carácter xeral sobre a historia da investigación e do ensino das ciencias en Galicia e en España ou sobre a universidade galega. Porén, con anterioridade a esta década ninguén lle dedicara de maneira exclusiva nin sequera unha breve monografía.

Carácter divulgativo

A obra de María Luisa Losada inaugura unha serie de libros divulgativos da referida editorial sobre os científicos galegos, diríxese a un público non especializado e está acompañada de numerosas ilustracións. A primeira parte do traballo dedícase a expor os principais aspectos da vida de Antonio Casares, algúns deles moi pouco coñecidos, como o feito de que en 1839 ocupou por un breve período o cargo de alcalde de Monforte xunto con Manuel Rodríguez Castro. A biografía sinala tamén que non se coñece a ubicación da súa sepultura -a pesar de que tivo un funeral multitudinario en Santiago-, xa que por vontade propia foi enterrado nunha fosa común. Os restantes capítulos da obra ocúpanse das principais achegas de Casares nos campos da química, a física e a medicina e das súas actividades filantrópicas dentro da Real Sociedad de Amigos del País en Santiago.

A tese doutoral de Ramón Cid -que hoxe pode consultarse integramente en Internet- é un extenso estudo que se centra nos traballos de Casares en diferentes ramas da química e no importante papel que desempeñou no ensino universitario das ciencias na Galicia do século XIX.