Quiroga, O Courel e Pantón contarán con campos xuvenís de traballo

monforte / la voz

LEMOS

En Quiroga, as actividades serán de tipo arqueolóxico e levaranse a cabo no castelo de Novaes; o do Courel dedicarase a traballos ambientais e o de Pantón, á ruta do románico local

20 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os municipios de Quiroga, Folgoso do Courel e Pantón albergarán tres dos campos internacionais de traballo para xoves de 18 anos en diante que a Xunta organizará este ano na provincia. No primeiro destes municipios, as actividades serán de tipo arqueolóxico e levaranse a cabo no castelo de Novaes; o do Courel dedicarase a traballos ambientais e o de Pantón, á ruta do románico local.

En todo o territorio lucense haberá en total seis campos de traballos. Os restantes ubicaranse nos municipios de Portomarín, Becerreá e Xermade. Entre todos suman 180 prazas, o dobre das que se ofreceron o ano pasado. O prazo para inscribirse nestes campos abrirase o venres.

Campamentos de verán

Por outro lado, o albergue municipal de Quiroga e o poboado dos Peares -en Carballedo- aloxará dous dos campamentos de verán para rapaces de 9 a 16 anos que está previsto organizar este ano. As demais instalacións de provincia que albergarán actividades desta clase encóntranse en Portomarín, Palas de Rei, Lugo, Viveiro e Ribadeo. Entre todas comprenden 1.660 prazas. O prazo de presentación de solicitudes para participar nestes campamentos pecharase o sábado.

Segundo precisou a Consellería de Política Social, este ano investiranse 623.413 euros en todas estas actividades no conxunto da provincia, o que supón cerca de 40.000 euros máis que na anterior edición. Os campos de traballo e campamentos -engaden desde o referido organismo- permitirán crear arredor de 350 postos temporais de traballo no ámbito lucense.