Alvarizas abandonadas e queimadas, pero aínda recuperables

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Apicultores do Courel sinalan que para reutilizar os colmeares tradicionais sería preciso acondicionar novos accesos

05 may 2016 . Actualizado a las 22:12 h.

O deterioro ambiental causado polo incendio que se rexistrou en agosto do ano pasado na marxe dereita do río Lóuzara -dentro da Serra do Courel-, denunciado a pasada semana polo biólogo Javier Guitián, afectou directamenta a unha zona caracterizada por unha longa tradición apícola. Dentro da área arrasada polo lume había varias alvarizas ou colmeares tradicionais, unha das cales estaba aínda en uso, se ben contiña un número reducido de colmeas. As chuvias dos últimos meses, segundo indicou Guitián, causaron nesta zona unha forte arrastres de terras e cinzas. É moi probable que os solos xa non poidan rexenerarse nunha grande parte da área queimada -de cerca de 195 hectáreas de extensión-, onde só quedrían masas de rocha estéril ao descuberto.

A pesar da previsible perda definitiva da cobertura vexetal, é posible que a zona queimada poida reaproveitarse para criar abellas. Ese é o parecer de José Ibáñez, un dos apicultores que residen actualmente na aldea de Seceda, a pouca distancia da área queimada. As colmeas dos veciños desta localidade non se viron afectadas polo incendio. A alvariza queimada pertence a un veciño da aldea de Cortes. «A plantas non volveron medrar nos terreos queimados, pero aínda así non sería difícil volver manter colmeas nesa zona, porque as ladeiras da outra beira do río non arderon e seguen tendo moita vexetación», explica.

 

Fontes de alimentación

Na opinión de Ibáñez, se se instalasen novas colmeas nas ladeiras incendiadas e erosionadas, as abellas poderían obter alimento con facilidade nas zonas intactas do val, só con desprazarse algúns centenares de metros. «As abellas poden moverse habitualmente para buscar comida a unha distancia de cerca de tres quilómetros, así que o problema non é moi grave a ese respecto», engade o apicultor. Deste xeito, mesmo sería posible reutilizar as alvarizas -denominadas alvares na zona- que se conservan na área queimada e que levan moitos anos en desuso.

Ibáñez considera incluso que a perda da vexetación pode facilitar o acceso a estas antigas construcións, que na súa maior parte estaban totalmente rodeadas de uces antes do incendio. Nesta mesma situación encontránse moitas outras alvarizas espalladas pola serra que tamén levan moitos anos sen ser aproveitadas. Non se pode saber con certeza cantas estruturas deste tipo se conservan na zona, xa que nunca se realizou un censo. Tampouco é posible precisar cantas delas continúan a ser utilizadas hoxe en maior ou menor medida.

Para recuperar as alvarizas abandonadas -apunta José Ibáñez por outro lado- habería que habilitar novas vías de acceso que permitan que se acerquen a elas os vehículos motorizados. El mesmo está intentando facer iso cun antigo colmear amurallado da súa propiedade, nos arredores de Seceda, pero puntualiza que o traballo é longo e custoso. E é que na súa grande maioría, as alvarizas da serra están situadas en lugares de acceso complicado. «Tería que haber un apoio económico das institucións para restaurar os alvares e abrir camiños para que se poida chegar a eles cun pequeno tractor», comenta o apicultor. «Pero merecería a pena, porque todos están construídos en sitios estratéxicos para criar abellas, tanto pola vexetación que crece nesas zonas como porque están moi ben protexidos das inclemencias do tempo», agrega.

 

Cabalerías e cántaros

Tradicionalmente, para sacar o mel que se cultivaba nos antigos colmeares usábanse mulos ou burros cargados con cántaros, pero ese sistema non pode adaptarse á apicultura actual -indica Ibáñez- porque non tería rendabilidade. «Antes nos alvares usábanse os trobos [colmeas rústicas feitas de cortiza], que producían como tres quilos de mel en cada colleita, mentres que as colmeas modernas poden producir vinte ou trinta quilos de cada vez», sinala. «Para recoller todo o mel que se pode colleitar hoxe nun alvar que utilice colmeas modernas non basta con levar un burro e unhas cántaras, hai que usar un vehículo», conclúe.

 

censo de antigas construcións

A pesar da importancia da tradición apíciola da Serra do Courel, ata agora non se realizou ningún estudo detallado sobre as antigas alvarizas da zona e as súas posibilidades de reutilización. A única iniciaitiva a este respecto consiste nun censo dos colmeares tradicionais da zona de Seceda que están realizando os alumnos do colexio de Seoane. Á dereita, unha alvariza arrasada polo lume no incendio que se rexistrou en agosto do ano pasado no val do Lóuzara