Homenaxes múltiples a Manuel María no sur lucense

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Recordo musical en Sober. O auditorio da Casa de Cultura soberina acolleu onte un concerto das formacións vinculadas á escola municipal de música en memoria de Manuel María, que dedicou un poema á banda de música local con motivo do seu 125 aniversario.
Recordo musical en Sober. O auditorio da Casa de Cultura soberina acolleu onte un concerto das formacións vinculadas á escola municipal de música en memoria de Manuel María, que dedicou un poema á banda de música local con motivo do seu 125 aniversario. roi fernández

Durante as dúas próximas semanas haberá na zona numerosas actividades en memoria do poeta

14 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ante a proximidade do Día das Letras Galegas, os actos dedicados a Manuel María multiplícanse polo sur lucense. No Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, o escritor Lois Diéguez presentou onte o vídeo Peregrinaxes: viaxando con Manuel María. Na Casa de Cultura do mesmo municipio pode verse ata o día 30 a exposición fotográfica Por Monforte con Manuel María, baseada no libro de poemas Cancioneiro de Monforte de Lemos. A continuación detállanse outras actividades previstas para os próximos días.

hoxe

Chantada. Ás doce do mediodía, a contacontos Larraitz Urruzola presentará a actividade Contos con Manuel María, para rapaces de 4 anos en diante.

A Pobra do Brollón. A poeta Olga Novo e o escritor e xornalista Manuel Veiga darán ás seis da tarde na Casa de Cultura unha conferencia sobre Manuel María. O acto completarase cunha actuación do grupo musical Os Minhotos.

O Incio. Ás 18 horas, o xornalista Lois Celeiro ofrecerá na casa consistorial unha conferencia sobre o escritor. Unha hora despois, na praza do Concello, o grupo teatral Lucecús representará a obra A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna.

mañá

Bóveda. O pavillón deportivo municipal acollerá a partir das 18 horas a edición do Festival Folclórico das Letras Galegas, no que participarán a agrupación Lemavos e diversos grupos de danza formados por alumnos de centros educativos da comarca.

luns

Chantada. Na Casa da Xuventude, o grupo de teatro do instituto monfortino A Pinguela representará a obra A gramática e o poeta, dedicada a Manuel María. A peza está dirixida por Paqui Abeledo e poderá verse ás sete da tarde.

martes

Quiroga. A sala de exposicións da Casa de Cultura recibirá o nome de Manuel María coa inauguración dunha placa -ás 12.45- nun acto que reunirá a representantes das asociacións culturais do municipio e no que actuará a banda de gaitas San Martiño. Ao mesmo tempo inaugurarase unha exposición dos debuxos que realizaron os alumnos dos centros educativos de Quiroga e Ribas de Sil para ilustrar a recente reedición do libro Sonetos ao val de Quiroga. O acto rematará coa entrega de premios da fase local do certame escolar de narración e debuxo Letras Galegas 2016.

Monforte. Na Casa de Cultura haberá un festival musical -o horario do inicio aínda non se deu a coñecer- no que participarán a coral polifónica municipal, o grupo Xograres de Lemos e a Coral Renfe.

A Pobra do Brollón. Os alumnos da escola musical municipal Samoeiro darán un concerto ás ás 18.30 horas na Casa de Cultura, onde tamén serán entregados os premios locais do certame de narración e debuxo Letras Galegas 2016, organizado polas bibliotecas da provincia.

xoves

Monforte. A contacontos Larraitz Urruzola representará na biblioteca municipal o espectáculo Babacontos con Manuel María. O horario aínda non foi especificado.

día 21

Pantón. O Centro de Linguas Cooficiais de Santiago organizará no municipio unha ruta literaria e artística baseada no libro de Manuel María Cantigas e cantos de Pantón.

día 22

Pantón. O salón de actos da Casa de Cultura acollerá un acto en torno a Manuel María no que intervirá o grupo musical soberino O Trícole. O horario darase a coñecer máis adiante.

 

o poeta e as viaxes

O escritor monfortino Lois Diéguez -no centro-presentou onte no Centro do Viño da Ribeira Sacra o vídeo Peregrinaxes: viaxando con Manuel María, baseado nas viaxes do poeta por Galicia e por diversos países. Diéguez foi amigo persoal do poeta, quen publicou as súas primeiras obras literarias na editorial Xistral, domiciliada nesa época en Monforte. No acto de presentación do vídeo participou tamén o alcalde monfortino José Tomé