«O meu avó viviu en Monforte os mellores anos da súa vida»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

Inaugurado o monumento en recordo do galeguista Manuel Banet

11 jun 2016 . Actualizado a las 12:35 h.

Monforte recorda desde onte ao notario Manuel Banet Fontenla, galeguista histórico, notario da cidade durante as tres primeiras décadas do século XX e impulsor da Real Academia Galega e as Irmandades da Fala. Familiares de Banet e representantes institucionais e da Irmandade Xurídica Galega asistiron onte en San Vicente á inauguración oficial da placa que o recorda. Henrique Arguindey, o seu neto, recordou como «se lles alegraban os ollos» aos seus avós e os seus tíos cando alguén lles falaba de Monforte. «En Monforte viviron os anos máis felices da súa vida», asegurou antes de dar as grazas no nome da familia por unha homenaxe que el entende como «un acto de xustiza».

O pedestal e a placa que recordan a Banet están en San Vicente porque aquel foi un dos lugares que visitaron el e o resto dos promotores das Irmandades da Fala cando celebraron en Monforte a asemblea de 1922, como testemuña unha fotografía que se conserva da época. O acto de inauguración empezou as sete da tarde.

A esa hora, empezaron os discursos xunto ao pedestal cuberto por unha bandeira galega. O primeiro en intervir foi Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega, a entidade que traballa pola normalización lingüística no mundo do dereito, e que ten entre os seus integrantes a xuíces, fiscais, avogados, procuradores e notarios. Os impulsores das irmandades, recordou, «eran precisamente homes do dereito e profesionais da xustiza».

Tamén interveu no acto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que recordou que no 2016 se conmemoran os cen anos da fundación das Irmandades da Fala, «que marcaron dalgunha maneira o DNI propio da nosa terra».

Por último, o alcalde de Monforte, José Tomé, eloxiou o traballo de Banet e os seus compañeiros «na defensa da lingua galega nun momento en que era difícil facelo». Tomé revelou ademais un dato que non era coñecido. Explicou que a Manuel Banet e a súa dona Carmen Díaz-Varela Otero viviron en Monforte nunha casa da praza de España que aínda está en pé. «Está abandonada, pero hai un proxecto para recuperala e volvela abrir», afirmou.

Ao acto de onte en San Vicente asistiron representantes de todas as forzas políticas de Monforte, a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, a escritores como Xosé Luís Franco Grande ou Luis García Mañá.