Unha visión dos sexos a través de arte románica

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Unha xornada cultural analizará as representacións de homes e mulleres na iconografía medieval

17 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural de Valladolid e residente en Lugo desde hai seis anos, Pilar Sánchez Monje é licenciada en historia da arte e vogal da asociación cultural O Sorriso de Daniel. Colaborou na elaboración da enciclopedia do románico da Fundación Santa María la Real, ocupándose da parte correspondente á provincia lucense. O domingo dará no museo do pazo monfortino de Tor -ás 16 horas- unha conferencia organizada polo referido colectivo acerca das imaxes de xénero na arte románica. A actividade complementarase con dúas visitas guiadas a igrexas de orixe medieval do municipio de Pantón.

-¿Cal é a finalidade desta iniciativa?

-Baséase na idea de que é necesario ver a historia da arte cunha perspectiva de xénero. Hai que revisar os modelos que nos aplican a sociedade e o poder a través da arte e ese sistema binario de home e muller que nos transmiten as imaxes artísticas. No caso da arte románica, trátase dunha iconografía claramente didáctica. As imaxes dese período, sobre todo as que se exhibían nas igrexas, tiñan a función de amosar á xente como comportarse, onde está o ben o mal... A representación do home e a muller é importante no románico e pretende orientar o pensamento acerca dos conceptos do masculino e o feminino. Só reflicte esas dúas identidades sexuais e non inclúe ningunha outra. A través desas imaxes podemos percibir cal era a visión dos sexos que tiñan na Idade Media.

-¿Está equilibrada a presenza de homes e mulleres nesa iconografía?

-Non, hai unha diferenza moi grande porque no románico a figura do home ten moitísima máis presenza que a da muller. Nas esculturas e pinturas dese período non só aparecen moitos máis homes que mulleres, senón que aos homes véselles facendo moitas máis cousas diferentes que as mulleres. Na representación da muller hai moita máis escaseza e tamén moita menos variedade.

-¿Qué funcións desempeñan as mulleres nesas imaxes?

-Basicamente só teñen dúas funcións. Por un lado, representar o ben e por outro, o mal. No primeiro aspecto, as mulleres que aparecen na iconografía son as mulleres boas, ou mellor dito as mulleres boísimas. Está o modelo da Virxe e pouco máis. En canto á representación do mal, as imaxes correspóndense coa visión negativa da muller como unha ameaza para a salvación que difundiron pensadores como san Agostiño. Unha ameaza para a salvación do home, hai que precisar. Nas imaxes negativas, as mulleres representan pecados como a luxuria. En moitas igrexas románicas pódense ver esculturas de bailarinas e contorsionistas que están relacionadas con esa idea. Pero tamén hai figuras de homes con esa parte negativa. Hai moitos casos de representacións sexuais escabrosas de figuras masculinas, que son moi características da arte románica.

-¿Nas igrexas románicas da Ribeira Sacra hai exemplos destas representacións dos sexos?

-Hai moitas figuras dese tipo. Por exemplo, pódense ver algunhas na igrexa de San Salvador de Asma, en Chantada, aínda que están algo escondidas. Nesa igrexa hai unha figura de home, coñecida como o onanista, que é moi representativa desa escabrosidade sexual masculina do románico. Depois da conferencia no pazo de Tor haberá unha visita guiada á igrexa de San Miguel de Eiré, en Pantón, onde tamén podemos encontrar imaxes relacionadas coa visión medieval dos sexos.

-¿Vai haber visitas a outros lugares?

-Sí, iremos tamén ao mosteiro das Bernardas de Ferreira de Pantón. É un lugar moi interesante desde o punto de vista histórico porque e o único mosteiro cisterciense feminino que queda en Galicia. Visitar este lugar pode dar pé a explicar a importancia que tiñan na Idade Media as congregacións monásticas de mulleres. E tamén a falar do peso inmenso que tiveron nas abadesas nesa sociedade.