Unha visita arqueolóxica ao escenario onde se librou a batalla de Repil

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

roi fernández

Un grupo de investigadores estuda o lugar no que se enfrontaron gardas civís e guerrilleiros en abril de 1949

26 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No límite entre as parroquias de Chavaga -en Monforte- e Cereixa -na Pobra do Brollón- celebrouse onte unha singular xornada que mesturou a arqueoloxía e a conmemoración dun dos máis violentos sucesos da posguerra en Galicia. O escenario foi o lugar onde o 20 de abril de 1949 se librou a chamada batalla de Repil, un sangrento encontro entre a Garda Civil e un grupo de resistentes antifranquistas que se saldou con varias mortes e significou o principio da fin das guerrillas galegas.

Ao longo da semana, o principal escenario do enfrontamente -as ruínas da chamada Casa do Facha- foi escavado polos membros do equipo arqueolóxico que ten previsto investigar o castro de San Lourenzo, en Cereixa. Os resultados destes traballos foron mostrados onte nunha visita guiada na que tomaron parte o arqueólogo Xurxo Ayán, director das escavacións, e Antonio Díaz Amaro, membro da familia dos antigos donos da vivenda. Posteriormente levouse a cabo unha camiñada desde o lugar de Repil ata Cereixa, seguindo o percorrido dun dos guerilleiros que tomaron parte nos feitos de 1949, que fuxiu gravemente ferido -cun tiro na boca- e foi refuxiarse na casa reitoral onde entón vivía o sacerdote que estaba ao cargo da parroquia.

Segundo explicou Xurxo Ayán, nas investigacións realizadas durante os pasados días, nas que se utilizou un detector de metais, apareceron diversos rastros materiais da batalla, como un casquillo de bala de pistola do nove longo que perteneceu seguramente aos guerrilleiros.

Por outro lado, un veciño da zona entregou aos investigadores unha baioneta que encontrou na zona nos anos cincuenta. Ao longo destas xornadas realizouse unha diagnose xeral do estado de conservación dos restos da vivenda, unha das dúas nas que se encontraban refuxiados os guerrilleiros cando foron sitiados pola Garda Civil.

A outra era a chamada Casa do Pericallo, situada aproximadamente a un quilómetro. O xefe do grupo armado, alcumado Recesvinto, encóntrabase nesta última casa, que foi a primeira en ser atacada. Na casa de Repil estaban tres homes que ao oír os tiros tomaron ás armas e saíron ao exterior. «Foron cazados como coellos polos gardas civís, que os esperaban fóra con ametralladoras», sinalou Ayán.

Visita ao castro

Pola tarde, ademais, houbo unha visita comentada ao castro de San Lourenzo, cuxas escavacións forman parte do mesmo proxecto arqueolóxico que as de Repil. Aos actos asistiron membros da asociación veciñal María Castaña e representantes do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e da Universidade do País Vasco, entidades que colaboran no proxecto.

Vestixios materiais da vida cotiá dunha familia labrega da década dos cincuenta

Entre os obxectos achados nas escavacións figura un casquillo de bala de pistola

Nas escavacións realizadas durante a semana nas ruínas da casa de Repil non se obtivo toda a información arqueolóxica que se supón que encerra este xacemento da época contemporánea. Xurxo Ayán sinala que o que se escavou ata agora foi unha camada de terreo correspondente a unha ocupación da vivenda posterior aos sucesos de 1949. «Despois da batalla, os membros da familia que vivía na casa pasaron varios anos no cárcere e máis tarde volveron ocupala durante algún tempo, apesar do trauma enorme que para eles estaba asociado a este lugar», explica. A casa seguiu habitada ata 1962 ou 1963, cando o último membro daquel grupo familiar emigrou aos Estados Unidos. A construción caeu despois no abandono e na ruína.

Os materiais encontrados ata agora nas escavacións, engade Ayán, «son moi representativos da vida cotiá dunha familia labrega galega dos anos cincuenta e teñen tamén moito interese». Entre eles hai diversos utensilios domésticos da época, como unha cafeteira, unhas tesouras e botóns de roupa.

Por debaixo deste nivel están os vestixios da época en que a casa foi ocupada polos guerrilleiros. Esa parte aínda non foi escavada e os arqueólogos esperan encontrar máis rastros materiais da momento concreto en que se produciron os sucesos. Tamén está previsto examinar a zona onde, segundo os testemuños orais, estiveron emprazadas as ametralladoras que utilizaron os axentes da Garda Civil durante o asalto e na que talvez haxa outros rastros.