A arqueoloxía da época romana e a do século XX, unidas na Pobra do Brollón

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

O local social da parroquia de Cereixa converteuse nun laboratorio de estudo de épocas moi diferentes

08 jul 2016 . Actualizado a las 21:54 h.

O local da asociación veciñal María Castaña, da parroquia de Cereixa -na Pobra do Brollón- está convertido nun singular laboratorio arqueolóxico. Neste espazo foron depositadas as pezas recuperadas nas escavacións realizadas no escenario da chamada batalla de Repil, un cruento enfrontamento entre guerrilleiros antifranquistas e gardas civís que se librou en 1949 no límite entre este municipio e o de Monforte. Os materiais están sendo estudados por un equipo dirixido polo arqueólogo Xurxo Ayán, que ten previsto iniciar en agosto as primeiras escavacións que se realicen no castro de San Lourenzo, no territorio da parroquia.

A maioría das pezas descubertas ata agora son os rastros que deixaron os donos da casa onde se refuxiou o grupo guerrilleiro, que volveron ocupala na década dos cincuenta despois de pasar varios anos no cárcere. Nas ruínas da vivenda apareceron numerosos obxectos domésticos característicos dunha casa rural da época. «Cando os veciños reocuparon a casa fixeron algunhas reformas -explica Ayán- e cubriron o piso de terra batida cunha plaqueta decorada moi propia dese período». Os investigadores escavarán agora o piso de terra situado por debaixo da plaqueta, onde esperan encontrar testemuños materiais do paso dos guerilleiros.

Esta investigación -do tipo coñecido como arqueoloxía do pasado contemporáneo- é a primeira que se fai en Galicia sobre ese período histórico. Todas as pezas achadas ata agora e as que se descubran despois quedarán depositadas de momento no local social de Cereixa, que podería albergar un pequeno centro de interpretación sobre a guerrilla antifranquista da posguerra. «Sería algo moi novidoso, porque en toda España non hai aínda nin un só museo sobre a Guerra Civil e as guerrillas dos anos corenta», sinala Ayán.

Realización dun documental

As escavacións de Repil, por outro lado, quedarán recollidas nun documental que están realizando os responsables do proxecto arqueolóxico. Durante o domingo, coa axuda dun dron, tomáronse diversas imaxes aéreas do escenario da batalla de 1949. O documental quedará terminado a finais de agosto e será presentado en público en setembro.

O antigo cuartel da Garda Civil, un emprazamento idóneo para crear un museo

O destino das pezas arqueolóxicas que se extraian nas escavacións do castro de San Lourenzo aínda está sen decidir. Segundo as normas vixentes, unha vez que termine o seu estudo deberán ser depositadas no Museo do Castro de Viladonga a non ser que na Pobra do Brollón se cree unha instalación museística que as poida albergar. «Como está previsto que este proxecto teña unha duración de tres ou catro anos, mentres tanto pódese intentar habilitar un museo ou un centro de interpretación para que os materiais poidan quedar no municipio», apunta Xurxo Ayán a este respecto.

O arqueólogo considera que un lugar idóneo para esta función sería o antigo cuartel da Garda Civil da capital municipal, actualmente desocupado e sen uso. «En si mesmo é un edificio histórico, un cuartel-fortaleza típico dos anos corenta e cincuenta, e ten dúas salas moi amplas que servirían moi ben para unha instalación museística», sinala. A construción, opina Ayán por outro lado, ten espazo suficiente para habilitar ademais un albergue para os peregrinos do Camiño de Inverno.

Outras intervencións

O equipo arqueolóxico que encabeza Xurxo Ayán non ten previsto investigar unicamente no castro de San Lourenzo e nas ruínas de Repil. «A idea que temos é facer máis adiante novas intervencións noutros lugares do municipio para estudar e recuperar patrimonio das épocas romana e castrexa, da época medieval e tamén da época contemporánea», comenta o arqueólogo. Contar cun espazo museístico suficientemente amplo para expor todos os materiais arqueolóxicos ques se consiga recuperar nos próximos anos, ao seu xuízo, pode proporcionar ao municipio un importante recurso turístico, económico e educativo.

Os investigadores esperan achar numerosos materiais ao escavar o castro de San Lourenzo

As pezas recuperadas nas escavacións de Repil foron mostradas publicamente nunha xornada divulgativa que se celebrou en Cereixa o pasado sábado. Xurxo Ayán presentou ademais algúns materiais encontrados no castro de San Amaro durante os traballos de limpeza da vexetación que se levaron a cabo no asentamento durante as últimas semanas.

Entre estas pezas hai fragmentos de cerámica e un muíño de man fabricado en granito, un mineral que non se encontra na zona de forma natural. «Os afloramentos de granito máis cercanos son os de Sober, a vinte quilómetros de Cereixa», sinala Ayán. Outro achado de especial interese foi o dun pedazo de limonita -un mineral de ferro- e varias escouras metálicas, o que corrobora a hipótese de que o castro de San Lourenzo albergou un centro mineiro e metalúrxico da mesma época que o das grandes explotacións auríferas que existiron na época romana en Galicia e no Bierzo. Unha sondaxe con xeorradar indicou por outro lado que en certas zonas do xacemento hai importantes concentracións de ferro e os restos de dous edificios cuadrangulares de grandes dimensións. Nestes lugares realizaranse as primeiras escavacións. «É seguro que cando comecemos a escavar imos encontrar un número moi grande de materiais arqueolóxicos», apunta Ayán.