A Asociación Veciñal do Saviñao pide a limpeza da ruta da Ribeira Sacra do Miño

MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O colectivo di que leva ocupándose voluntariamente dese labor nos últimos tres anos

09 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Veciñal do Saviñao solicitou ao Concello que tome unha serie de medidas para favorecer o acceso dos visitantes a algúns dos lugares de maior interese turístico do municipio. Unha das medidas que pide o colectivo é que se leve a cabo unha limpeza anual da maleza na ruta de sendeirismo da Ribeira Sacra do Miño, que discorre entre O Saviñao e Pantón e é a única da zona que conta coa homologación oficial da Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada.

Os representantes da asociación sinalan que a parte de ruta que corresponde ao municipio de Pantón -de en torno a quince quilómetros de lonxitude- «é conservada puntual e anualmente por ese concello». Do mantemento do tramo situado no Saviñao -de 21 quilómetros- «encargouse nos tres últimos anos a asociación dunha maneira voluntaria e altruísta». O colectivo apunta ademais que esta ruta é «unha das máis coñecidas e percorridas da Ribeira Sacra, estimándose entre cincocentos e seiscentos o número de camiñantes ao longo do ano».

Por outro lado, o colectivo solicitou tamén ao Concello do Saviñao que limpe o camiño de acceso ao dolmen de Abuíme e o perímetro deste monumento megalítico, afirmando que nos tres últimos anos esta tarefa «foi executada voluntariamente pola asociación veciñal».

Así mesmo, a asociación pediu que se adecúe o firme da estrada municipal que dá acceso ao lugar de Cuñas, onde se atopa a Adega Moure «e o verdadeiro miradoiro do Cabo do Mundo».