Un campamento xuvenil limpará a maleza que invade o castro de Sobredo

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

É a primeira vez que unha actividade deste tipo se organiza no municipio de Folgoso do Courel

09 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro campamento xuvenil de traballo que se organiza no municipio de Folgoso do Courel dedicarase en grande medida a acondicionar un dos principales xacementos arqueológicos da zona. Os participantes traballarán na limpeza da maleza que invade actualmente o castro de Sobredo ou de Torre, que durante moito tempo foi o único de todo o sur lucense preparado para recibir visitas turísticas.

Os traballos de escavación do castro comezaron en 1993 e foron dirixidos polo falecido arqueólogo Antonio Álvarez Núñez. A intervención foi financiada pola Consellería de Cultura e a Deputación lucense. En principio estaba previsto levar a cabo cinco campañas anuais, pero finalmente quedaron en catro, debido a que a Xunta suspendeu nesa época a maioría dos proxectos arqueolóxicos que se desenvolvían na comunidade. Nese momento tampouco foi posible sinalizar o castro -o que se faría máis adiante- nin editar folletos divulgativos sobre o xacemento.

As escavacións puxeron ao descuberto unha boa parte dos vestixios de antigas construcións que se conservan no asentamento, pero para sacar á luz todo o que se supó que encerra este lugar faría falta realizar novas campañas e traballar intensamente durante varios anos, en opinión do arqueólogo Iván Álvarez Merayo, que tomou parte na intervención dos anos noventa.

Os restos de edificacións foron consolidados co obxectivo de que o castro puidese recibir visitas turísticas. Unha guía editada pola Xunta na pasada década cualificábao como un dos únicos cinco asentamentos castrexos visitables en toda a provincia, xunto cos de Viladonga -en Castro de Rei-, Santa Mariña -en Cervantes-, Zoñán -en Mondoñedo- e Fazouro, en Foz. Nos últimos anos, sen embargo, a proliferación de maleza ten dificultado en grande medida o acceso dos visitantes. O Concello espera que este problema quede resolto grazas ao campamento xuvenil de traballo.

Os traballos levaranse a cabo entre os días 14 e 25 do presente mes

O campamento de traballo, no que poden participar xoves españois e estranxeiros de entre 18 e 30 anos de idade, desenvolverase entre os próximos días 14 e 25. Ademais de acondicionar o castro de Sobredo, os participantes dedicaranse a revisar varias rutas de sendeirismo da zona e a realizar traballos de mellora nas que se encontren en peores condicións.

Durante estes días, os participantes aloxaranse no albergue turístico municipal de Folgoso, situado no edificio da antiga casa consistorial. O programa comprende ademais varias actividades complementarias, como obradoiros divulgativos, percorridos guiados pola serra, demostracións ao aire libre e deportes acuáticos.

Prazas dispoñibles

Os responsables municipais sinalan que aínda quedan varias prazas dispoñibles. Os interesados en participar nestas actividades poden informarse en apuntarse na Dirección Xeral de Turismo -nos teléfonos 981 544 838 e 981 957 115- ou ben no Servizo de Xuventude do Lugo, no número 982 294 599.

Durante esta semana desenvolveuse no veciño municipio de Quiroga outro campamento xuvenil que ofrecía actividades relacionadas co patrimonio xeolóxico da zona. As actividades acabaron onte.