O Cotillón, un mosteiro esquecido da Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

Desde hai máis dunha década ninguén puido visitar unha antiga capela rupestre de Pantón que foi descuberta en 1997

10 sep 2016 . Actualizado a las 21:09 h.

O ano próximo cumprirase o vixésimo aniversario do descubrimento dun dos elementos mais singulares e menos coñecidos do patrimonio histórico da Ribeira Sacra. En 1997 foi localizado no lugar do Cotillón -na parroquia de San Román de Acedre, en Pantón- o que parece ter sido unha pequena capela ou un eremitorio que podería datar da Alta Idade Media. A pesar de encerrar un grande interese potencial, a construción apenas foi estudada e non está incluída nos inventarios da Dirección Xeral do Patrimonio. Desde hai máis dunha década, ademais, está totalmente pechada e ninguén a puido visitar. O seu estado actual de conservación é descoñecido.

O suposto eremitorio está escavado na rocha, na ladeira do monte Acedre, e en torno a 1950 foi aproveitado como adega e incorporado a unha vivenda construída nesa época por un veciño do municipio, José Manuel Domínguez, coñecido polo alcume de Portalón. A finais dos anos noventa e a principios da década seguinte, a existencia da singular construción rupestre gozou dunha difusión limitada.

Máis tarde, hai arredor de doce anos, José Manuel Domínguez e a súa dona deixaron a casa e fóronse a vivir con algúns familiares lonxe da comarca. Os veciños da zona descoñecen o seu paradoiro e nin sequera saben se aínda están vivos. Desde entón a vivenda permanece deshabitada e pechada.

A profesora Flora Enríquez, coordinadora das Xornadas da Rota do Románico de Pantón, foi unha das primeiras persoas que puideron visitar o lugar a finais do pasado século. Despois de examinalo, formulou a hipótese de que podía tratarse dunha capela construída nas épocas sueva ou visigótica. O falecido sacerdote, historiador e arqueólogo taboadés Jaime Delgado Gómez coincidiu con esta apreciación nunha visita que fixo naquela época á casa en compañía da profesora. Ao seu xuízo, a capela poderá datar de entre os séculos VI e VII.

Catálogo dixital

Flora Enríquez sinala ademais que o eremitorio apareceu mencionado hai anos nun folleto turístico. «Creo que o editou a Deputación», sinala. Foi unha das escasísimas publicacións que se lle dedicaron antes de caer de novo no esquecemento. A mención máis recente é unha ficha descritiva que foi editada hai pouco tempo no portal dixital Patrimonio Galego , un catálogo realizado por voluntarios de toda a comunidade.

En opinión de Flora Enríquez, «é unha pena que estea tan esquecido un lugar con tanto interese como este e que aínda non se lle dedicase ningún estudo histórico ou arqueolóxico, pero por desgraza é algo que pasa tamén con moitos outros monumentos». Ao seu xuízo, sería necesario localizar aos actuais propietarios da vivenda e levar a cabo investigacións que determinen con máis certeza a antigüidade e o valor da construción. A tarefa non parece fácil -engade?, porque en Pantón ninguén sabe con certeza que sucedeu cos donos da casa nin onde encontrar a algún familiar do matrimonio. Por agora, todo indica a que a presunta capela altomedieval do Cotillón tardará tempo en poder ser visitada e investigada como merecería.

Un precedente do monacato medieval

De acordo coas suposicións de Flora Enríquez e Jaime Delgado, a capela rupestre do Cotillón puido pertencer a algunha das pequenas comunidades monásticas da Alta Idade que precederon aos importantes mosteiros construídos durante os seguintes séculos na Ribeira Sacra. «Probablemente sería un grupo de tres ou catro monxes, como moito», indica a profesora.

Se as hipóteses sobre as orixes e a antigüidade da construción son acertadas, o eremitorio de Pantón pertencería á mesma época histórica que o célebre mosteiro ourensán de San Pedro de Rocas e constituiría un dos primeiros testemuños materiais do monacato na Ribeira Sacra e en toda Galicia. Enríquez apunta posibilidade de que na zona houbese nesa época máis construcións relixiosas similares á do Cotillón. «É posible incluso que algunhas delas quedasen anegadas polos encoros», agrega.

 

unha cruz na parede de rocha

Nunha das paredes de rocha da suposta capela están gravadas unha cruz e outra figura semellante a un báculo. A construción rupestre tenforma de cruz latina. O espazo que conforma a nave principal ten uns dez metros de lonxitude e comunica con dous brazos laterais de en torno a cinco metros cada un. Jaime Delgado sinalou no seu día a presenza dalgúns buratos nos muros que ao seu parecer puideron servir para soster cortinas que pecharían a zona de culto