«Se queremos loitar contra o lume hai que gastar en agricultura e gandería»

Carlos Cortés
carlos cortés CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

roi fernández< / span>

Mariano López Nieves acaba de ser elixido secretario xeral de esta organización para o sur de Lugo

22 sep 2016 . Actualizado a las 12:54 h.

Mariano López Nieves leva 25 anos traballando en Unións Agrarias, a maior parte do tempo directamente sobre o terreo no seu Saviñao natal e no conxunto do sur de Lugo. Nese tempo a súa organización afianzouse nas comarcas de Chantada e Monforte como a principal referencia sindical agraria. Os afiliados a Unións Agrarias elixírono de novo esta fin de semana en Chantada como secretario xeral, o posto que deixara hai cinco anos para pasar á dirección desa central sindical en Santiago.

-O panorama no campo cambiou moito nestes últimos 25 anos.

-Cambiou completamente. No ano 1991 había en Galicia 90.000 explotacións de leite e hoxe quedan 8.000. Mellorouse en volume e en profesionalidade, de maneira que as granxas que quedan producen máis leite do que se producía hai 25 anos, pero reduciuse moito a cantidade de xente que hai no campo e nas aldeas.

-E iso réstalles capacidade de presión.

-Si. Economicamente, representa máis, pero ao quedar menos xente nas casas a impresión é outra.

-E tamén houbo cambios importantes nos cinco anos que levaba fóra da dirección comarcal de UU.AA

-A situación cambiou pola aplicación da nova política agraria común (PAC). Foi desmantelado o sistema de cotas e desapareceu todo o que protexía algo os ingresos de agricultores e gandeiros. A Unión Europea parece estar tratando agora de substituílo cun sistema de compensacións que a día de hoxe non palía a baixada de prezos. Resulta complicado cambiar un sistema que che permitía saber o que tiñas e o valor que podía ter no mercado. A UE dá a sensación que querer corrixir esta situación, pero sen saber como.

-¿Atrévese a vaticinar como estará o sector dentro duns anos?

-As administracións teñen que entender que hai que protexer a gandeiros e agricultores porque son os que viven no medio rural. As políticas de defensa do medio ambiente están ben e son necesarias, pero o agricultor é o mellor protector do medio. Onde hai agricultura e gandería os incendios están controlados e onde non as hai, dispáranse. Investir diñeiro en extinción de incendios e non en prevención con gandeiros e agricultores é un erro. Se queremos loitar contra o lume de xeito eficaz hai que gastar en agricultura e gandería.

-Os sindicatos agrarios teñen hoxe que trata con asociacións como Agromuralla. ¿Para vostedes son un problema, unha competencia...?

-Nada diso. Nós temos as nosas reivindicacións e non estamos en contra de ninguén. Temos a nosa maneira de traballar e o noso discurso está aí desde hai tempo. Comparemos discursos e vexamos diferenzas. Nós non temos que competir con ninguén, senón resolver os problemas dos agricultores e os gandeiros. E aí encontrarémonos todos. Quen queira encontrarse nese espazo de diálogo vainos ter aí.

-Pois non parece que encontrasen ese espazo común aínda.

-Nós sempre dixemos que as reivindicacións conxuntas son sempre boas para o sector produtor. Temos claro que na confrontación entre nós non vai haber solucións. No seu momento creouse unha plataforma en defensa do sector lácteo, na que se integrou xente representativa, pero outros buscaron outra maneira de, en teoría, axudar ao sector a saír da crise do prezos. O tempo pon a cada un no seu sitio.

-¿Teñen que revisar as organizacións tradicionais a súa estratexia?

-Puidémonos ter equivocado nalgunhas cousas, pero tampouco creo que debamos pensar que somos os culpables de segundo que situacións. Nin o BOE nin o DOG están na nosa man. Temos que ser serios, quen pense que pode facer milagres que vaia a Fátima ou a Lurdes. A desunión levará ao sector produtor ao fracaso.