«O patrimonio asociado ao Camiño de Inverno aínda está pouco estudado»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Un investigador da ruta histórica dará mañá unha conferencia no Centro do Viño da Ribeira Sacra

20 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acollerá mañá -ás 19 horas- unha conferencia do historiador Javier Raposo acerca do patrimonio do Camiño de Inverno que organiza a asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra. Raposo participou na elaboración do informe que encargou a Xunta con vistas á oficialización da ruta.

-¿O patrimonio histórico e artístico asociado ao Camiño de Inverno é suficientemente coñecido e valorado?

-Aínda está moi pouco estudado. Hai estudos sobre este patrimonio, pero son moi escasos. As asociacións que promocionan a ruta nas zonas por onde pasa fixeron un traballo moi valioso neste sentido, pero na súa maior parte é obra de voluntarios que non teñen unha formación profesional como historiadores e investigadores. Creo que a partir de agora hai que dar continuidade a ese traballo con estudos concienzudos feitos por expertos para dar máis relevancia cultural a este patrimonio e para que a ruta sexa un recurso económico importante para estes territorios.

-¿Que elementos dese patrimonio cre que deberían ser máis estudados e divulgados?

-Hai moitos e de tipos moi diferentes. Ao longo da ruta hai numerosos elementos patrimoniais que teñen unha relación coas tradicións xacobeas na que non se adoita reparar. Non é necesario que haxa imaxes de Santiago ou outros símbolos semellantes para que un lugar determinado se asocie ás rutas de peregrinación. Hai igrexas e capelas con advocacións como as de san Roque ou san Antonio, entre outras, que tamén están relacionados con esas tradicións. E por outro lado están os hospitais que había no camiño, que en moitos casos só se coñecen por documentos históricos. En Quiroga, por exemplo, temos constancia da existencia de tres hospitais dos que hoxe non hai rastros visibles. Contamos ademais con datos históricos sobre personaxes importantes que percorreron a ruta e despois están as tradicións orais relacionadas co camiño. Hai moitos terreos por investigar e moitas datos de interese que están por divulgar.

-¿No sur lucense pode sinalar algún caso concreto de elementos que merezan máis atención?

-Por mencionar só algúns exemplos e sen saírmos do municipio de Quiroga, temos a igrexa de San Miguel de Montefurado, cunhas implicacións xacobeas moi importantes e case descoñecidas. Temos tamén o castelo dos Novais, un elemento interesantísimo porque pertenceu á Orde de San Xoán de Xerusalén, unha entidade que se significou como protectora dos peregrinos. Na parroquia de Bendilló encóntrase a capela das Farrapas, que está vinculada con lendas de peregrinos de tradición medieval.

-¿Que habería que facer para que este patrimonio se coñeza e se aproveite mellor?

-Na miña opinión, as institucións públicas deberían esforzarse para que os especialistas se ocupen de investigar a fondo o patrimonio material e inmaterial asociado ao Camiño de Inverno e para resaltar a dimensión cultural da ruta. Pero polo que vin ata agora, os concellos polos que pasa o Camiño de Inverno non mostran moito interese en promocionalo, con algunhas excepcións. Penso que isto tamén debería interesar ás empresas da zona porque estou seguro de que a ruta vai interesar a moitos visitantes como percorrido alternativo.