A Ilustración, 30 anos de movemento obreiro

alfredo pardo CHANTADA

LEMOS

arquivo a.p.< / span>

Unha sociedade impulsou a loita proletaria en Chantada no primeiro terzo do século XX

13 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas primeiras décadas do século XX o movemento obreiro está en plena madureza en Chantada e as asociacións de traballadores eran o seu instrumento de loita, con dúas correntes ideolóxicas: marxistas e anarquistas. O 28 de outubro de 1900 reúnense no salón da casa de Manuel Quinzán na rúa da Costaña un grupo de veciños para constituír a acta fundacional da sociedade de traballadores da vila de Chantada e a súa contorna A Ilustración. As actas da sociedade recollen que tras as votacións se procedeu ao escrutinio e resultaron elixidos por 22 votos e unha papeleta en branco: Manuel Vázquez Bergueiro, co cargo de presidente; Francisco Filloy, como vicepresidente; Manuel Recarey, como tesoureiro; Manuel Cabada, como contador; José Lovelle e Manuel Filloy, como secretarios; e Manuel Ameijeiras, José Cortizo e José Caeiro, como vogais.

A xunta directiva da Ilustración formaliza o regulamento que xa fora aprobado polo gobernador civil de Lugo o 15 de setembro de 1900, que recolle como finalidade da sociedade mellorar en todo o posible o estado e condición dos seus asociados.

Anarquistas non

A Ilustración admitía como integrante «todo individuo sen distinción de cor, crenza ou nacionalidade, que sexa traballador, goce de boa reputación, estea conforme co presente Regulamento e recoñeza por base a razón e xustiza e a moral». Pero facían unha excepción expresa cos anarquistas. O seu regulamento advertía que «serán expulsados da Sociedade todos os individuos que profesen ideas anarquistas, porque eles «e as súas ideas son contrarios á honrada organización dos traballadores e por tanto perturbadores da boa administración dentro e fóra da Sociedade».

A cota de asociado era de «50 céntimos de peseta» mensuais para traballadores que cobrasen seis reais ou mais e de 25 no caso de aprendices con salarios máis baixos. Os últimos sábados de cada mes reuníase a chamada xunta de propaganda, para presentar os datos sobre número de socios e estado dos intereses existentes.

O regulamento pedíalle aos socios que propagasen «entre os seus compañeiros o espírito e os principios desta Sociedade, excitándolles a que participen de tan penosa tarefa de emancipación».

As normas desta sociedade de traballadores incidían tamén no comportamento durante as reunións internas. Os socios debían «gardar todo silencio posible e non dar lugar a reprensións xa sexa por fumar ou estar cubertos, pois queda prohibido terminantemente estar cuberto e fumar, e para evitar estas faltas destínanse os corredores».

Folga total en Chantada

En 1909 o alcalde Julio Guerra Díaz Varela recibe unha orde do gobernador civil de Lugo para que comprobase en que situación legal e administrativa se encontra A Ilustración. O 30 de marzo daquel ano, Guerra entra co secretario do Concello polas portas da sociedade, situada no primeiro andar da casa de José Vázquez Gallardo, na rúa de Pescadería. No seu informe posterior da conta dos nomes dos integrantes da directiva e os cargos que ocupan e informa de que o daquela presidente da Ilustración, Manuel Gómez, e o secretario da sociedade, José Fernández, se comprometen a actualizar todos os documentos internos para envialos ao Goberno Civil.

O 8 de xullo de 1934, A Ilustración celebra a súa última xunta xeral. O ascenso electoral da dereitista CEDA en 1933, o movemento revolucionario en outubro de 1934 e a Guerra Civil que empezou en 1936 serían a tumba das 93 sociedades de traballadores constituídas na provincia de Lugo.

O 6 de outubro de 1934, o Gobernador de Lugo envíalle un telegrama oficial ao Ministerio da Gobernación para informar sobre unha folga de obreiros e distintas sabotaxes nas liñas telegráficas e telefónicas. Foron destruídas con dinamita seis postes na liña de ferrocarril entre San Clodio e A Pobra do Brollón. «En Ribadeo e Chantada -engade o telegrama- o paro é xeral, ordenáronse medidas aos alcaldes para evitar alteracións de orde pública».

Ese mesmo día, o sarxento primeiro da Garda Civil de Chantada informa ao Gobernador do atestado instruído «contra a directiva da sociedade obreira de oficios varios titulada A Ilustración por declaración da folga de brazos caídos por solidariedade cos seus compañeiros afectos á UGT de España, ilegal, a que foi detida e posta a disposición da súa autoridade». Ás doce horas ingresaron no depósito municipal de detidos e o centro foi clausurado, «practicando un rexistro por se se atopaban armas ou documentos de carácter extremista, así como nos domicilios dos detidos, os que non deron resultado favorable».

A por armas, sen resultado

O 28 de outubro daquel ano a oitava división da Garda Civil da Coruña envía unha circular ao Gobernador de Lugo que ordena ás forzas dese corpo nesa provincia que fagan os rexistros «que sexan necesarios» na procura de armas ilegais e que clausuren e disolvan «aqueles sindicatos agrícolas ou sociedades agrícolas que pola súa actuación ou por informes autorizados considere son prexudiciais para o mantemento da orde pública». En resposta, o brigada do cuartel de Chantada notifica o 6 de novembro a clausura das asociacións agrarias e obreiras na vila.

Neste tira e afrouxa, o delegado provincial de Traballo pide por carta ao gobernador civil o 11 de decembro de 1934 que lle envíe unha listaxe das «asociacións profesionais patronais e obreiras desta provincia, que fosen suspendidas ou clausuradas», que lle explique se a suspensión afecta tamén «ás seccións de previsión, asistencia ou cultura» desas entidades e, finalmente, que o teña informado sobre os posibles levantamentos destas medidas represivas. O gobernador contesta o 22 de decembro que «na suspensión non deben considerarse comprendidas as seccións de previsión, asistencia ou cultura que as asociacións poidan ter establecidas» e inclúe a relación completa das 93 sociedades pechadas «con motivo dos últimos sucesos revolucionarios».

A suspensión seguiría vixente ata o 7 de febreiro de 1935, pero a disolución das Cortes aquel ano, as eleccións de 1936 e o posterior conflito bélico co inicio dunha ditadura eclipsaría todas as Asociacións agrarias e obreiras.