O miradoiro de Vilasibil, convertido nun depósito de pedras e areas

La Voz QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

Alguén depositou nel gran cantidade de pedras e area de obra

23 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai varios meses están depositadas numerosas pedras no miradoiro de Vilasibil, no municipio de Folgoso do Courel, onde tamén hai un montón de area. A presenza destes materiais dificulta o acceso á varanda do miradoiro, desde o que se divisa a bacía do río Pequeno, a serra da Escrita e o castro de Miraz.

A alcaldesa Dolores Castro afirmou non saber quen depositou as pedras e a area neste miradoiro, onde por agora non está proxectada ningunha obra. «Nos últimos meses o Concello estivo a arranxar varios miradoiros que se encontraban en mal estado, pero eses traballos xa están feitos e nesa zona non temos prevista de momento ningunha intervención», explica.

As obras de mellora que menciona a rexedora executáronse nos miradoiros do Pico dos Bois -nun momento situado entre Folgoso e Ferreirós de Abaixo-, Pico Pulín -nas cercanías do bosque da Devesa de Rogueira- e a mina romana da Toca. As barreiras dos miradoiros estaban caídas en grande parte e os letreiros e paneis informativos xa resultaban ilexibles.

Estas intervencións formaron parte dun proxecto que comprendeu tamén a renovación a sinalización de diversos lugares de interese turístico do municipio, como os castros de Sobredo e Vilar, a fervenza da Albardaira e un conxunto de alvarizas no lugar de Traspando. Nestas operacións investíronse cerca de 40.000 euros, dos que 24.000 foron achegados pola Axencia Turismo de Galicia. O Concello pretende solicitar unha nova axuda económica da Xunta para realizar máis actuacións deste tipo durante o ano próximo.