Fonte do Milagro ofrece gratis unha tonelada de cal artesanal a quen se interese por ela

La Voz QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

O museo municipal de xeoloxía de Quiroga solicitou á asociación unhas mostras

24 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O museo municipal de xeoloxía de Quiroga -que cumprirá cinco anos a principios de decembro- solicitou á asociación cultural Fonte do Milagre unhas mostras de pedra caliza e do cal que se elaborou nas demostracións que esta entidade organizou no antigo forno artesanal de Froxán do Courel. O colectivo dispón de cerca dunha tonelada de cal que se ofrece a ceder gratuitamente a quen se interese en experimentar con este material, pero ata agora non recibiu ningunha outra solicitude que chegase a materializarse.

O presidente da asociación, Evaristo Méndez, recorda que o ano pasado recibiu unha mensaxe dunha asociación galega dedicada á bioconstrución que se mostrou interesada en recoller o cal para utilizalo en experiencias de arquitectura. «Pero desde aquela non volvimos saber nada deles e ninguén máis nos fixo unha petición neste sentido», sinala. A falta de solicitudes contrasta co feito de que en Galicia hoxe praticamente non hai ningunha outra posibilidade de conseguir cal fabricado segundo a técnica tradicional. Os integrantes da asociación cultural non teñen noticia de ningunha outra experiencia des cocción de pedra caliza realizada na comunidade en tempos recentes, coa única excepción dunha que se levou a cabo en Mondoñedo hai nove anos. Actualmente tamén é moi díficil encontrar alguén que coñeza esta técnica, que caeu en desuso en todas partes a mediados do século pasado.

As dúas demostracións de cocción de cal promovidas polo colectivo leváronse a cabo respectivamente en maio do 2015 e o pasado outubro. En cada unha delas obtivéronse cerca de cincocentos quilos de cal. O forno utilizado nestas experiencias é o chamado caleiro da Torre, que estivo sen utilizar arredor de sesenta anos. O colectivo ten a intención de seguir organizandode forma actual estas exhibicións, xa que as dúas primeiras atraeron a numerosos visitantes a Vilamor.