A restauración de Nogueira de Miño chega á última fase

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

alberto lópez

Cultura investirá máis de 52.500 euros na rehabilitación da cabeceira do templo chantadino

26 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A restauración da igrexa chantadina de Nogueira de Miño, que contén un dos conxuntos de murais renacentistas máis importantes da Ribeira Sacra, culminará o ano próximo cunha intervención que afectará á cabeceira do templo. A Consellería de Cultura e Educación destinou 52.584 euros a esta nova fase, que comprenderá a restauración das pinturas do presbiterio e do retablo maior. O proxecto ten un prazo de execución de seis meses.

No que respecta aos murais, un dos obxectos da restauración consiste en eliminar unhas camadas de cal que se aplicaron sobre as pinturas nunha época indeterminada. O mesmo sucedeu nos muros da nave e no arco triunfal, onde o cal xa foi retirado en anteriores intervencións. Outros problemas que se abordarán nesta fase son o debilitamento das policromías e a presenza de manchas de sucidade e de lagoas na superficie da pintura.

Unha vez que se desprendan o cal que tapa os murais, procederase a reforzar a adhesión mutua entre as distintas camadas de pintura e a de todas elas ao muro. A operación complementarase coa restauración das partes de policromía que están debilitadas ou desaparecidas coa finalidade de «devolver á pintura mural a súa correcta lectura iconográfica», segundo explican desde a consellería. Nos traballos utilizaranse morteiros elaborados con técnicas tradicionais, as mesmas que empregaron os autores das pinturas.

Traballo de interpretación

Cando quede terminada a restauración, por outro lado, un especialista en historia da arte examinará os murais e elaborará un relatorio para describir o seu contido de forma pormenorizada. No estado en que se encontran actualmente, as pinturas non se poden ver na súa maior parte e polo tanto non son fáciles de interpretar.

En canto ao retablo maior, de estilo barroco, as súas patoloxías consisten principalmente na sucidade que cubre toda a súa superficie e na oxidación da camada de protección que se lle aplicou no seu día á pintura. A peza tamén padece algúns desaxustes na súa estrutura e levantamentos da policromía nalgúns puntos.

Os traballos comezarán a executarse en xaneiro, aínda que por agora non se indicou unha data concreta para o inicio. Os responsables da empresa Crea, que levará a cabo a restauración, calculan que o labor estará acabado no mes de maio. Unha vez terminada esta fase, a rehabilitación da igrexa de Nogueira poderá darse praticamente por concluida. Os únicos elementos que quedarán pendentes de restauración no templo serán unhas poucas imaxes relixiosas de limitado valor artístico.

Un conxunto de valiosas pinturas murais do Renacemento

As anteriores fases de restauración do conxunto artístico da igrexa de Santa María de Nogueira leváronse a cabo no 2012 e no 2014. A primeira delas afectou aos murais do muro norte. No 2014 houbo dúas intervencións diferentes, unha no muro sur e outra no arco triunfal.

Nestas operacións puxéronse ao descuberto partes ata entón descoñecidas deste conxunto de murais, que ofrece un elevado valor artístico. Estas obras son atribuídas a un artista anónimo do século XVI que o historiador José Manuel García Iglesias denominou precisamente Mestre de Nogueira. Outras pinturas que se consideran tamén da súa autoría encóntranse nas igrexas de San Miguel do Monte -en Chantada-, Ribas Altas e Baamorto -en Monforte- e Entrambasaguas, en Guntín de Pallares.

As pinturas do presbiterio, porén, no parecen estar relacionadas con este artista, xa que os expertos opinan que pertencen a un período anterior. Cando acabe a restauración poderán ser estudadas en profundidade.