«É moita vida a que fixemos aquí»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Emotiva inauguración en Monforte das placas que recordan a Manuel María

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«É que é moita vida a que fixemos aquí». Así se explicaba onte Saleta Goi en Monforte despois de que a emoción a obrigase a rematar antes de tempo o seu discurso. Falaba no acto de inauguración das placas en recordo de Manuel María instaladas polo Concello na casa da rúa Roberto Baamonde na que ela e o seu home viviron corenta anos e no lugar das galerías Fontecha na que entre 1970 e 1998 rexentaron a librería Xistral. A axenda de actos nos que a viúva do autor de Canciós do lusco ao fusco tomou parte este ano foi intensa, pero ata onte fora aguantando con serenidade.

Xunto a ela, na convocatoria de onte en Monforte estiveron presentes amigos, veciños e representantes da Fundación Manuel María, da Xunta e do Concello. O acto empezou ás doce fronte ao número 1 da rúa Roberto Baamonde. No terceiro andar está o que foi a súa casa durante o tempo que a parella pasou en Monforte, como testemuña a placa inaugurada onte. Nela lense os sete primeiros versos do poema titulado Canción sinxela para rematar: «Saleta e servidor / seguimos en Monforte / como sempre: / coa nosa humilde / casa e corazón / abertos para Galiza / e os amigos»

Despois chegou o momento de descubrir a segunda placa, colocada nas galerías Fontecha, na rúa Cardeal, xunto á porta do local no que estivo a librería Xistral.

Saleta Goi, xa recuperada, volveu falar alí para reivindicar con humor aquela librería como precursora dunha normalización lingüística, que recordou, aínda non acaba de chegar. «En canto entrabas pola porta, todo era en galego», dixo mirando con picardía para a súa dereita. Alí estaba o director xeral de Normalización Lingüística, Valentín García, un dos asistentes a un acto no que tamén participaron o secretario da fundación Manuel María, Alberte Ansede, o alcalde de Monforte, José Tomé. Todos os grupos municipais enviaron representantes aos actos de onte, que naceron dunha proposta defendida polo PP e aprobada por unanimidade despois dun engadido do BNG.

O acto rematou coa canción O Carro, interpretada e cantada por integrantes do grupo municipal de gaitas, e coreada polos asistentes.