Crónica negra de 1897: o asasinato de don Agapito Otero

alfredo pardo CHANTADA

LEMOS

Reconstrución dun crime cometido despois da romaría de San Lucas máis violenta

19 feb 2017 . Actualizado a las 21:27 h.

Chantada, decembro de 1885. Entre os fríos paseos matinais pola Alameda e cos tímidos raios do sol filtrándose entre as árbores, encóntrome co avogado Daniel Vázquez Bóo (que sería o fundador en 1912 da Liga de Amigos) e confírmame o que toda a vila xa rumoreaba, que formou un comité republicano que baixo a súa presidencia está formado por Manuel Gutiérrez Lorenzana (vicepresidente), Adelino Pena García (secretario) e José López González e Agapito Otero Cortés (vogais). Daniel sempre dicía que «pobo que non se move, é pobo morto».

Eu coñecía as intencións de todos eles pola miña amizade co procurador do xulgado Agapito Cortés, un mozo talentoso que en 1887 fundou a sociedade recreativa La Tertulia na praza de Santa Ana. Agora, dentro dos suntuosos salóns e exhalando o fume de tabaco que se dirixe caprichosamente cara á embazada vidreira, preocúpame a afirmación que fixera o doutor Cedrón en 1892: «Desenvolveuse con intensidade no cárcere de Chantada a febre tifoides, que afecta a cinco individuos e o seu director solicitou ás autoridades locais o seu inmediato traslado para evitar na poboación un foco endémico».

Hoxe levanteime cedo (decembro de 1892), tiña que coller o recentemente estreado servizo de carruaxe de Ourense a Chantada, cuxo propietario é o médico Jaime Lorenzo, para atender a fábrica de chocolate. Con outros tres pasaxeiros e co forte son dos cabalos ao trote decateime de que capturaron en Portugal a Manuel Eiriz Vázquez. O asasino da nena cuñada súa de Pesqueiras que tanta conmoción creou na vila. Obrigoulle a comer sopa de millo envelenada, segundo me dixo a única e fea pasaxeira da carruaxe «para herdar a parte que correspondía á vítima».

O sol de xullo de 1893 non consegue transmitir a suficiente calor para os ciclistas ovetenses Javier López e Enrique Arguelles, «que acaban de percorrer as principais poboacións de España e varias do estranxeiro. Algúns velocipedistas de Lugo fixeron un récord a Ourense por Chantada». Como aquel esforzo titánico sobre bicicletas coméntame Agapito Otero (febreiro de 1894) o seu total desacordo coas últimas eleccións municipais, polo que puxo un recurso de alzada contra o acordo da comisión provincial ao declaralas válidas.

Primeiro oín un desordenado bulicio, máis tarde os insultos e despois vin atónito a agresión. Dispoñíame a comprar na feira do 5 de agosto de 1894 unhas cepas diante do Casarón de Lemos, cando uns veciños de Ourense chamados Francisco Domínguez García e Jesusa Carpintero emprenderon unha liorta co paisano Antonio Varela Regal, que atendía un posto de queixos e resultou ferido na cabeza. Nesta vila están a suceder casos un tanto extraordinarios, como a actuación da forza do posto de Chantada ao denunciar o carromato propiedade de José Cid, «que conducía José Fernández, por levar nel doce pasaxeiros pola estrada que vai a Ourense ao chegar ao quilómetro 40 e 41 e carecer da licenza necesaria».

Finalmente, o 24 de decembro de 1894 quedou constituído o Concello de Chantada. Acordeime do recurso de Agapito e por real orde foron elixidos: Benito de Soto Linares; primeiro tenente, por elección, Agapito Otero Cortés; segundo, Ramón López Ledo; terceiro, José Taboada López; síndico, Antonio Montes Reboredo; suplente Francisco Eiré Fernández; interventor, José López Páramo e suplente Marcelino Rodríguez Vázquez. Xa temos quen nos goberne!

Revolvendo a fumarenta cunca de café na Tertulia (abril de 1896) decátome pola prensa das xestións de Guillermo J. Osma sobre a inmediata reformulación da estrada de Monforte a Castro Caldelas e tamén de Monforte a Chantada. Novos camiños de comunicación que penso se desvanecerán co paso dos anos, como o estudo dun ferrocarril de vía estreita empezado en decembro de 1896 polo enxeñeiro de camiños designado pola Deputación de Pontevedra, Ramiro Pascual y Lorenzo e que «partindo de dita capital pasando por Cuntis, Val de Ulla e Chantada, terminará en Monforte».

Case morro atragoado na cea de fin de ano. Foi o presaxio da escuridade e manto de morte que entraría en 1897. A maldición empezou en xullo cunhas tormentas «que produciron danos de consideración nos sementados e gandería». As xacias do Miño arrastraron «un pobre labrador que viaxaba cabalgando nun asno polas inmediacións do río e morreu afogado». Un mes máis tarde «achábase un raparigo tomando un baño no río e aproximóuselle un suxeito pedíndolle a faixa para tacos da escopeta que levaba; como aquel negábase a tal pretensión recibiu un tiro disparado polo seu provocador, que lle causou a morte no acto».

A colleita de viño na comarca está case perdida. «Entre os vinicultores de Chantada existe grande alarma. Como o ano pasado colleitaran viño tanto os que sulfataron como os que non, este ano houbo moitos descoidos e agora laméntanse. As existencias que hai nas adegas véndense a 16 e 17 pesetas o canado». A crise filoxérica nos viñedos actuou sen compaixón na Ribeira Sacra.

Pasada a nefasta vendima, en setembro de 1897 os liberais de Lugo, encabezados por Eugenio Montero Ríos, reuníanse en Lourizán (Pontevedra) na propiedade do expresidente do Senado para tentar acabar coa «política rastreira e ambulante». Representando a Chantada asistían Daniel Vázquez Bóo e Agapito Otero. Segundo me dixo o procurador chantadino, este é «un movemento espontáneo para as novas aspiracións políticas». Espero que lle vaian mellor os seus asuntos de goberno que o meu decadente negocio chocolateiro.

Na festividade na ermida de San Lucas do día 18 de outubro desde media tarde ata preto da noite «non deixou de haber camorras dirimíndose as cuestións a tiros, paus e pedradas. Houbo moitos feridos». Foi unha romaría espantosa. Unha interminable liorta entre individuos da parroquia de Merlán e mozos do lugar de Carballedo, en Sabadelle. Non lembro nada igual. Empezamos a regresar ás nosas casas en pequenos grupos. Agapito Otero ía acompañado de Manuel Arias (irmán do procurador do xulgado de Monforte e sarxento de carabineiros retirado) e a súa fermosa filla María Arias.

Ao chegar ao lugar de Centulle, «pasaron diante da multitude dous xinetes, un dos cales tiña resentimentos con Agapito Otero, e ao ver que viña este entre os moitos chantadinos, deixando o cabalo que montaba en poder do outro xinete compañeiro seu, volveu atrás, e esgrimindo unha navalla de grandes dimensións, e sen que mediase unha palabra, cravoulla ao don Agapito por detrás, co cal caeu este a o chan no acto; coa velocidade do raio, e confundíndoa seica con outra, asestou unha segunda puñalada, tamén por detrás, á señorita María Arias, filla de don Manuel, que tamén resultou levemente ferido nunha perna».

Os feridos foron auxiliados no acto por varios amigos e levados en grave estado a unha casa de Centulle, onde os médicos «trataron de prodigar aos enfermos todos os coidados da ciencia». Agapito tiña unha profunda ferida no pulmón e falecería dous días despois á idade de 36 anos. Era viúvo de Vitoria González Varela e o seu fillo Agapito atopábase estudando en Valladolid. Os seus acompañantes foron recuperándose das lesións.

Ao día seguinte coa Tertulia pechada baixo sete chaves, espontáneos grupos de veciños concentrábanse na Praza de Santa Ana. Estabamos todos conturbados. Baralláronse moitos móbiles sobre o crime: a participación política da vítima no Partido Liberal lucense, a envexa do asasino sobre a persoa de Agapito... pero a maioría opinaba que foi «por cuestións amorosas cunha moza por nome Gumersinda Suárez» e que o exceso de consumo de viño fixo que confundise a María Arias coa súa noiva.

O asasino, aínda que oriúndo de Taboada, era moi coñecido en Chantada por ser o contratista do coche correo de Ourense. Chamábase Cándido Conde Ramos, alias Fonteboa, e xa estaba a ser reclamado telegráficamente polas autoridades. Sospéitase que está na Coruña «e que trata de embarcar para América do Sur».

Agora estou no cemiterio de Chantada e por certo, chamábame Ramón Pérez. Dígoo en pasado porque teño un revólver apuntándome na tempa dereita: «Dise que o móbil do suicidio foi a mala marcha nos seus negocios. O infortunado industrial, pola súa honradez, gozaba da estimación dos seus conveciños. Deixa no maior dos desamparos á súa viúva e catro fillos. Descanse en paz e o Señor das Misericordias se apiade da alma do infeliz suicida» (outubro de 1897).

A pesar das conxecturas de que o criminal Cándido Conde deambulaba pola Coruña, a finais de outubro de 1897, a Garda Civil de Redondela realiza as detencións de tres sospeitosos: «Andrés Lorenzo, natural de Ribadavia, de 28 anos, Manuel Plata, de San Miguel de Ourense, de 25 anos e José Sotelo, do Porto, de 13 anos». Tras interrogatorios e comprobacións descobren que o primeiro (facéndose pasar por unha falsa identidade) é o cocheiro Fonteboa, «autor do horrible asasinato de Chantada».

Negro ano 1897: treboadas, un afogado, un rapaz morto, a filoxera... e a romaría de San Lucas

Interminable

liorta na festa

entre veciños de Merlán e Sabadelle

O sospeitoso non estaba na Coruña, senón que foi detido en Redondela

Ballaráronse múltiples teorías para explicar o crime, desde a política á envexa

A Manuel Eiriz capturárono en Portugal despois de que envelenase en Chantada á súa cuñada, de 13 años