Comeza a andar en Sober a Asociación de Apicultores da Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O novo colectivo será presentado o día 18 e na próxima Feira do Viño de Amandi

10 mar 2017 . Actualizado a las 23:06 h.

O próximo día 18 -ás doce do mediodía- presentarase na Casa de Cultura de Sober unha asociación de apicultores que ten a intención de agrupar a produtores de toda a Ribeira Sacra lucense. O acto, que incluirá unha degustación de produtos apícolas, forma parte da programación do chamado Mes do Amandi, que precede á feira vinícola soberina. Na carpa da feira -os días 8 e 9 de abril- tamén estará instalado un posto informativo onde os apicultores que desexen ingresar no recén creado colectivo poderán solicitar a súa inscrición.

Os fundadores da nova asociación -Francisco Vázquez, Iñaki Rodríguez e Marcelino Álvarez- producen mel como actividade complementaria, pero están convencidos de que a apicultura ten moitas posibilidades na Ribeira Sacra. «Cremos que aquí é posible vivir exclusivamente desta actividade e que unha explotación apícola pode proporcionar en poucos anos tanta rendabilidade como unha pequena adega», sinala Vázquez. Ao seu parecer, se os apicultores da zona se unen para conseguir axudas e desenvolver actividades conxuntas será máis fácil conseguir estes obxectivos.

Os promotores do colectivo, engade Vázquez, levaban xa moito tempo barallando este proxecto e hai arredor dun mes deron os primeiros pasos para constituir legalmente a asociación. Ata agora todos os integrantes -aparte dos fundadores hai algúns parentes seus- teñen as súas colmeas en Sober. Pero a asociación pretende estenderse a outros municipios da zona, onde a actividade apícola está a incrementarse de forma notable nos últimos anos.

A xuízo dos creadores da nova asociación, é preciso realizar un esforzo para que a apicultura alcance no sur da provincia un peso económico cada vez maior. «A viticultura medrou moito nesta zona nos últimos anos e a denominación de orixe Ribeira Sacra xa conta con moitas adegas -di Francisco Vázquez-, e pensamos que agora é necesario buscar valores engadidos que axuden tamén a desenvolver a economía e a crear empregos».

O proceso de legalización do colectivo aínda non está totalmente rematado, pero os seus promotores consideran que o importante é que o primeiro paso xa está dado. «Esperamos que a Feira de Amandi sexa un punto de lanzamento e que a asociación comece a crecer a partir de agora», agrega Vázquez.

Unha iniciativa que pretende diversificar a produción e ir máis alá de colleitar mel

Os apicultores que promoveron a creación da asociación de apicultores só se dedican por agora a colleitar mel, pero teñen en proxecto elaborar outros produtos apícolas. O novo colectivo ten precisamente entre os seus obxectivos potenciar esa diversificación. «Aquí hai potencial suficiente para producir pole, propoleo, xelea real e tamén outros derivados, e non queremos limitarnos a seguir recollendo mel», sinala Francisco Vázquez. «Pódese pensar tamén en críar raíñas e enxames para a comercialización», engade.

A nova asociación, ao parecer dos seus creadores, pode contribuír decisivamente a que se desenvolvan na Ribeira Sacra estas actividades apícolas mediante a organización de cursos formativos e outras iniciativas. «Temos moitas posibilidades en mente -apunta Vázquez a este respecto-, pero para un só apicultor ou para uns poucos non é fácil levar adiante proxectos deste tipo, polo que cremos conveniente unirnos todos os que poidamos para potenciar entre todos o sector».

No sur lucense non hai moitos exemplos de iniciativas de carácter colectivo no terreo da produción apícola. No municipio de Quiroga foi creaada a pasada década a cooperativa Cauru, que agrupa a produtores radicados neste municipio e no de Folgoso do Courel.