O pescador que sabe como capturar anguías sen vulnerar a lei

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

Roi Fernández

José Arias «pesca» os exemplares deste peixe protexido que cometen o erro de meterse nas turbinas de Belesar

09 mar 2017 . Actualizado a las 08:12 h.

Pescar anguías está prohibido, pero O Picouto non as pesca. Limítase a recoller da superficie do río os exemplares que baixan arrastrados pola corrente e danados de xeito letal polas enormes turbinas do encoro de Belesar. Cunha pequena barca movida por un tamén pequeno motor, José percorre o Miño entre a vella ponte de San Fiz e a desembocadura do regato das Cortes para coller as poucas anguías que cometen a imprudencia de tratar de baixar o río para desovar.

O Picouto é o alcume de José Arias Vigo. Vive en Reiriz, no municipio do Saviñao, ten 64 anos e dedica parte do seu tempo libre á viña que posúe nunha paraxe fronte á desembocadura do río Asma coñecida co nome de Toalde, na parroquia de Diomondi. Alí ten amarrada unha máis que modesta lancha cunha corda á pedra dunha mura.

Augas escuras e profundas

É a cola do encoro dos Peares. Augas escuras e profundas. Un lugar moi tranquilo, alterado só polo ruxir da central hidroeléctrica do Asma e polo ruído dos poucos coches que pasan pola estrada paralela ao río. Un quilómetro aproximadamente río arriba, xusto debaixo da nova ponte da estrada de Chantada a Monforte, está a saída da auga que libera a central de Belesar. É un lugar pouco accesible e perigoso pola forte corrente e as flutuacións de nivel do Miño. Alí a auga sae moi fría porque vén do fondo da presa. Só por aí poden baixar o río as anguías e obedecer así ao seu instinto biolóxico de reprodución para comezar a súa viaxe de volta ao mar dos Argazos, próximo ao Caribe.

Esta saída de auga do encoro, libera caudal variado segundo funcione unha, dúas ou ás tres turbinas da xigante hidroeléctrica. Cando solta moita auga a corrente é moi rápida e fai imposible a navegación, pero uns centos de metros máis abaixo, xa perto da vella ponte de pedra, o volume de auga do encoro dos Peares frea o ímpeto do Miño artificial.

«Que chova a cachón»

José explica que son precisos dous factores para saír coller anguías. «Para ben, que chova a cachón durante cinco días e que abran arriba», di en referencia ao funcionamento da central de Belesar.

Non chovía tanto o pasado domingo pola tarde, a última vez que José saíu da adega da súa viña, soltou o cabo da lancha e arrincou o motor. Despois de separarse uns metros da beira, apareceu unha anguía duns tres quilos de peso. Semellaba unha mancha branca entre augas. José botoulle a man con moita prática, e non é fácil porque se trata dun animal moi escorregadizo. Rapidamente, meteuna un cubo de plástico que deixara no chan da barquiña.

Catorce días no hospital

Moita sorte para estes tempos. El lembra a saturación de barcas nesa zona hai trinta anos ou algo máis. A maioría dos pescadores eran xente de Belesar e da Veiga de Nogueira. «Branqueaba o río, collíanse a sacos», asegura. Certo é que daquelas íase de noite.

En ocasións había disputas polas capturas, como ben recordan moitos veciños de Belesar. José non quedou sen pasar experiencias de perigo no río. Unha vez foi abordado accidentalmente por outra lancha cerca da Cova. Como resultado do impacto, caeu ao río e quedou ferido na man pola hélice. Deu subido outra vez á súa barca, pero pasou catorce días no hospital de Monforte.