«Galicia produce bos profesionais, pero logo non aposta por eles»

L. D. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

roi fernández

13 mar 2017 . Actualizado a las 12:46 h.

Arquitecta pola Universidade da Coruña, Susana López Varela (Monforte, 1977) fixo un máster europeo en Urbanismo en Delft (Holanda) e obtivo o doutorado nesa especialidade na Universidade Politécnica de Cataluña. Dende o 2014, vive en Santiago de Chile.

-¿Como xurdiu a idea de participar no concurso da terminal de Punta Arenas?

-Máis ben foi o estudio liderado por Cecilia Puga, unha das máis prestixiosas arquitectas chilenas, o que se puxo en contacto comigo para que como consultora en urbanismo desenvolvese a estratexia urbana, o plan mestre do porto e o deseño do paseo marítimo.

-¿Que agarda deste importante recoñecemento?

-Pois poder posicionarme e consolidarme dentro do mundo profesional como consultora urbana. Xa me presentei en Chile a tres concursos con distintas oficinas e os resultados foron bastante bos. No primeiro, realizado en Valparaíso, quedamos en terceiro lugar. No seguinte, en Santiago de Chile, fomos segundos. Neste último, en Punta Arenas, obtivemos o primeiro premio. Este equipo ademais está constituído por un grupo de arquitectos moi importantes de Chile, o que sempre é un plus na experiencia profesional.

-¿É Chile terra de oportunidades para unha urbanista?

-Hai factores que fan que Chile estea atravesando un parón económico. Está a crise mundial, unha situación política irregular, as baixadas do prezo do cobre, principal activo económico do país... Son cousas que afectan á construción e ao urbanismo. Isto non quere dicir que non haxa oportunidades laborais. Habelas hainas, pero agora hai que ser mais persistente e chamar a máis portas á hora de encontralas.

-¿Como se ve Galicia dende a distancia?

-Pois vese cun sentimento encontrado. Eu e a miña parella, que tamén é de Monforte, vemos Galicia como a casa que sempre teremos, por moi lonxe que esteamos. Alí están as nosas familias, moitos dos nosos amigos, as nosas raíces... Pero a nivel profesional, temos a percepción de que a situación segue estando paralizada. Os traballos están peor remunerados que antes da crise e as oportunidades para a xente cualificada son moi escasas. Galicia produce excelentes profesionais, estase demostrando polo mundo adiante, pero logo non aposta por eles. Non lle dá cabida o mundo laboral e iso propicia a obriga, non a opción, de marchar fóra.