«A humanidade ten moita necesidade de risa e humor»

Javier González defende o papel do teatro popular da Pobra do Brollón como «pegamento» de cohesión social

.

monforte / la voz

Javier González é un dos guionistas das obras de teatro que se representan nas festas de entroido de Salcedo, un exemplo de éxito probablemente como ningún outro na escena afeccionada galega. Traballador do servizo contraincendios forestais, estudante de antropoloxía e concelleiro, a Deputación de Lugo acaba de editarlle o libro «Un pobo de comedia», que recolle sete dos guións representados en Salcedo nos últimos anos. Unha distribuidora acaba de pedirlle exemplares para colocalos nas principais librerías de Galicia e a asociación Beladona, o colectivo cultural da Pobra do Brollón que solicitou á Deputación a edición deste libro, prepara presentacións nos colexios e institutos que estean interesados.

-Seu pai xa actuaba, non sei se ademais escribía. Esa habilidade herédase?

-Tamén escribía. Eu sempre vía a meu pai actuar, pero se empecei non foi exactamente por iso. Houbo unha época na que se empezaron a representar obras de teatro clásicas, pero a xente de aquí o que quería eran obras curtas e de risa. Tivemos unha pequena loita de boinas e birretes. Os máis culturetas querían obras dese estilo e nós, os da boina, preferiámolas áxiles, simpáticas e curtas. Gañamos nós, pero démonos conta de que non se daban atopado guións, así que escribín a primeira. Chamábase As pastillas de Farruco. Vin que tiña certa facilidade e que ademais facía rir, así que seguín.

-Sen formacion específica?

-Fixen un curso de guionista por Internet, pero a verdade é que non me aportou moito.

-En que se inspira?

-O que fago é observar e despois tratar de sacarlle punta ao que vexo. Porque nos fai moita falta a risa. A humanidade ten moita necesidade de risa e de humor. A idea para a primeira obra que escribín hai vinte anos deuma unha anécdota que me contou un matrimonio que coñecín unha vez que fun buscar a un amigo a outra aldea. Tiñan gando e a muller medicábase e un día confundiuse e tomou ela unha pastilla para subirlle a libido ás vacas. Fíxome tanta graza que me puxen a imaxinar como sería toda a situación e a partir diso púxenme a escribir.

-Todas están baseadas en historias locais?

-Hainas completamente inventadas, pero case todas teñen algo de observación do que pasa ao meu redor.

-Recibe axuda para escribilas?

-Hai un tipo de obras, as que son máis squetch, que as traballo con amigos. Pero cando teñen algo máis de trama éme moi necesario traballar eu só. Este ano escribín tres das seis pezas que se representaron e fun coguionista doutras dúas, e ademais hai un grupo da parroquia de Cereixa que ten o seu propio autor, Tico Camarero.

-É un traballo colectivo.

-Claro. O teatro está sendo un nexo de unión. Antes a xente xuntábase para colaborar nos labores agrarios, traballos moitas veces moi esixentes, como a encha de leña ou as mallas. Pero iso perdeuse. Hoxe en Salcedo non hai nin unha soa explotación de vacas. Pero estámonos dando conta de que a cultura é un nexo perfecto para facer comunidade. O teatro fixo de pegamento nesta aldea.

-Hai que ser de Salcedo para gozar este teatro?

-Non. De feito, a raíz de Salcedo saiu xente que se xuntou para facer teatro noutras parroquias e noutros concellos.

-Entón non lles importaría que lles copiasen.

-É que ese é un dos efectos que buscamos. Recentemente se representaron obras deste libro nas Nogais. Organizouno un grupo que se chama Abrente, que antes se dedicaban só a música e nunca fixera teatro. Teñen intención de seguir, e catro deles incluso viñeron este ano ver o teatro en Salcedo.

-Está asegurado o futuro do teatro popular de Salcedo?

-Si. Sempre o digo. Este ano había quince pequenos en escena. Temos máis canteira que moitos equipos de fútbol dos que hai pola contorna.

 

tradición familiar

Javier González (na foto á dereita, no teatro hai 11 anos) escribiu a súa primeira peza teatral aos 25 anos. Hoxe, con 45, ten dezanove guións feitos e dous máis pendentes de rematar e medrou vendo a seu pai actuar todos os anos no teatro do entroido. Formaba parte dun grupo de catro actores afeccionados que se facían chamar Os Cómicos. A asociación de veciños de Salcedo vai tentar subilos de novo ao escenario o ano que vén, con motivo do 60 aniversario do teatro local

A ocorrencia de catro rapaces que traballaban o monte para facer labradíos

As representacións do teatro popular de Salcedo coinciden coa celebración local do entroido, que ten como protagonista ao Oso e unhas orixes que se afunden no tempo. Mais as do teatro non son nada ignotas. Non só se sabe cando empezou, senón tamén quen son os que tiveron a idea. Foi cousa de Xil, Melenía, O Cuco y Toñas, uns rapaces que nos anos corenta compartían labores agrícolas na contorna de Salcedo. Tal como lembraban na homenaxe que lles fixeron en Salcedo no 2008 na conmemoración do cincuenta aniversario, eran bromistas por natureza e acostumaban a oír reprimendas no traballo por perder tempo de mais: «Mirai, os chistes están moi ben, pero hai que bouzar». Así que se puxeron de acordo para aproveitar a súa vis cómica e organizar unha obra de teatro no carnaval. Así empezou todo.

 

mil espectadores

O teatro de entroido de Salcedo consta cada ano dunha representación cada unha das noites previas ao luns no que sae o Oso. Para asistir é preciso mercar a entrada con meses de antelación, porque sempre se esgotan. A cada un dos pases asisten 500 persoas

Votación
2 votos
Comentarios