Un auténtico menhir aloxado na oficina de turismo

Patrimonio autorizou o traslado da peza, depositada en Lugo desde que foi descuberta na parroquia de Canaval


MONFORTE / LA VOZ

A oficina de turismo do Concello de Sober será probablemente a primeira de Galicia que albergue un auténtico menhir. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural autorizou o cambio de depósito desta peza arqueolóxica -coñecida como Marco da Pena Longa-, descuberta na parroquia de Canaval e gardada no Museo Provincial de Lugo desde principios da pasada década. O goberno local, que iniciou no 2011 as xestións para conseguir a restitución do menhir, pretende convertelo nun novo e importante atractivo turístico para o municipio.

A peza fora descuberta uns oito anos antes polo arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo no lugar da Veiga cando realizaba tarefas de control arqueolóxico nunha zona que ía ser afectada por unhas obras de mellora da vía do ferrocarril. O monolito estaba entón caído nunha canle de regadío, pero o propietario dos terreos asegurou que anteriormente se encontraba fincado no chan en posición vertical, a poucos metros dese punto.

Os veciños recordaban que a chamada Pena Longa servía tradicionalmente de marco divisorio entre as parroquias de Canaval, Neiras e Refoxo -todas pertencentes a Sober- e a de Mañente, no veciño municipio de Pantón. A tradición local apunta que tamén marcou o límite entre as posesións da casa señorial dos Andrade e a de Tor ou da Bastida. Iván Álvarez elaborou unha ficha descritiva para catalogar oficialmente a peza e depositouna no museo lucense a fin de evitar a súa perda ou o seu deterioro.

 

Xestións complexas

Hai agora seis anos, a asociación cultural O Colado do Vento pediu ao Concello de Sober que iniciase os trámites para conseguir que o menhir fose restituído ao municipio. O alcalde Luis Fernández Guitián sinala que foi por entón cando comezaron os contactos co museo lucense e con Patrimonio con vistas á devolución da peza. Conseguir os permisos para levar a cabo unha operación deste tipo non resulta fácil e houbo que elaborar un proxecto para explicar en detalle o que se pretendía facer co menhir, ademais de garantir que a peza estaría musealizada nun local axeitado e coas debidas condicións de seguridade.

Finalmente, Patrimonio concedeu o permiso por entender que a oficina turística -tamén denominada polo Concello como centro de recepción de visitantes- «reúne as condicións de conservación preventiva axeitadas para os materiais arqueolóxicos», segundo o comunicado que enviou ao goberno municipal. O mencionado departamento valorou así mesmo o feito de que o local «conta cun horario accesible e regular durante todo o ano para a visita pública e medidas de seguridade para a correcta custodia».

Os responsables municipais descoñecen aínda en que data se poderá instalar o menhir na oficina de turismo. Os trámites legais xa están terminados, pero agora hai que agardar a que unha empresa especializada do Saviñao se encargue de restaurar a peza, unha intervención que comprenderá a limpeza do musgo e dos liques que creceron sobre ela mentres estivo exposta á intemperie. De todas maneiras, non se espera que esta operación requira moito tempo.

Unha devolución sen precedentes no sur da provincia

O caso da restitución do Marco da Pensa Longa ao municipio de Sober contrasta cos doutras pezas arqueolóxicas encontradas no sur lucense que foron depositadas no museo provincial. Entre os máis recentes destaca o da chamada estela de Andemil, unha lápida funeraria da época galaicorromana descuberta na parroquia chantadina de Vilaúxe no 2014. Moito máis antigo é o dunha estatua xacente dun suposto abade do mosteiro de San Vicente do Pino que foi encontrada en Monforte e levada ao museo lucense en 1932. A escultura está exposta no claustro do museo.

Por agora, ningún outro concello da zona sur se interesou por recuperar algunha das numerosas pezas achadas nos seus territorios e trasladadas á capital da provincia. Moitas delas están gardadas no almacén do museo e non se mostran ao público.

 

Un monumento neolítico

O Marco da Pena Longa é un bloque de granito de 1,70 metros de lonxitude e un diámetro de oscila entre os 180 e os 110 centímetros. Na súa superficie están gravadas dúas liñas elípticas e varios pequenos petróglifos circulares do tipo coñecido como coviñas. A súa parte superior remata nunha semiesfera separada do resto por unha moldura que, segundo Iván Álvarez, presenta «un certo aspecto fálico». A peza está datada no Neolítico.

Votación
5 votos
Etiquetas
Turismo Sober Patrimonio histórico
Comentarios