En busca de actores inmóbiles para rodar un filme na Ribeira Sacra

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

AMANITA FILMS

A produtora Amanita Films seleccionará en Monforte figurantes para a nova película de Lois Patiño

23 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A produtora Amanita Films convocou en Monforte unha proba de selección a fin de escoller figurantes -homes e mulleres- para un filme do cineasta Lois Patiño que se rodará proximamente no sur lucense. Pero para desempeñar esta tarefa teñen que cumprir unha peculiar condición: deben posar totalmente inmóbiles durante a filmación. Como o único que hai que facer é permanecer quieto mentres se gravan as escenas, os figurantes non necesitan ter experiencia previa en interpretación. Por outro lado, os candidatos deben ser maiores de 45 anos. Os interesados poden presentarse mañá ás 19.30 horas no Centro do Viño da Ribeira Sacra.

O responsable de Amanita Films, Iván Patiño, explica que os figurantes deben representar aos habitantes dunha aldea onde todo o mundo quedou paralizado nun momento determinado da súa vida cotiá. «Trátase dun filme experimental con toques fantásticos», precisa. Por outro lado, indica que durante o proceso de rodaxe non se necesitará estar inmóbil moito tempo seguido, de maneira que o labor non será incómodo para os participantes. «Cada toma durará entre un minuto e un minuto e medio, e ao longo do día faranse unhas dez tomas», engade.

Ensaios previos

Nas últimas semanas, Amanita Films realizou varias probas con veciños de Pantón e A Pobra do Brollón e xa seleccionou a algúns posibles figurantes, pero necesita máis para completar o elenco, o que se espera facer mañá en Monforte. Os responsables do proxecto cinematográfico pretenden iniciar as filmacións en breve prazo, entre mediados de abril e principios de maio. A rodaxe levarase a cabo durante unhas catro semanas en varios municipios da comarca de Lemos, como Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón e Sober. O traballo continuará despois na Costa da Morte ao longo doutras dúas ou tres semanas.

O filme, que aínda non ten un título definitivo, será a primeira longametraxe de ficción producida por Amanita Films. Iván Patiño sinala que as paisaxes da Ribeira Sacra serán perfectamente recoñecibles na película. «Nos anteriores traballos de Lois Patiño a paisaxe é un elemento moi importante e neste novo proxecto sucederá o mesmo», agrega. O equipo de filmación xa levou a cabo varias probas en diferentes paraxes da comarca, como Sober e o entorno do encoro de Belesar.

Unha boa parte das películas producidas ata agora por Amanita Films tamén foron rodadas en escenarios situados no sur lucense. A primeira todas foi Esliva -que foi tamén a primeira curtametraxe de ficción de Lois Patiño-, gravada no outono do 2010 en varios lugares de Quiroga e Sober. A empresa produciu posteriormente as curtametraxes Un cobarde e Birthday, filmadas en Monforte, e Deil, que se rodou na parroquia soberina de Vilaescura.

Unha coprodución cunha firma de amplo prestixio a cargo dun director emerxente

A produción da nova película de Lois Patiño correrá a cargo principalmente da firma coruñesa Zeitun Films, que foi tamén responsable doutro traballo deste cineasta, o documental Costa da Morte, realizado no 2013. Amanita Films participa no proxecto como coprodutora e unha das súas funcións consiste precisamente en seleccionar aos figurantes.

Iván Patiño considera de especial importancia esta colaboración. «Para nós supón un avance moi grande traballar con eles, porque Zeitun Films conta xa con traballos moi ambiciosos que tiveron unha repercusión moi ampla», apunta. A esta firma débenselle dúas películas do reputado director Oliver Laxe, Todos vós sodes capitáns e a máis recente Mimosas, premiada no festival de Cannes do pasado ano.

Ampla difusión

Por outra parte, a produtora monfortina confía en que o prestixio colleitado nos últimos anos por Lois Patiño -fillo do pintor monfortino Antón Patiño- axudará a que o novo filme teña unha ampla difusión. Costa da Morte foi proxectada en máis de setenta festivais cinematográficos de diferentes países e recibiu cerca dunha vintena de premios. «É seguro que a súa nova película tamén irá a moitos festivais internacionais», adianta Iván Patiño.