Facebook e Google Maps en apoio dos antigos esgrafiados

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

DIEGO IGLESIAS

Tres investigadores das decoracións tradicionais con cal usan Internet para recoller e divulgar estas obras

07 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Documentar, divulgar e resaltar o valor dunha das parcelas menos coñecidas do patrimonio histórico da Ribeira Sacra -os esgrafiados ou decoracións artísticas de fachadas con cal- é o obxectivo dunha iniciativa que foi posta en marcha recentemente en Facebook. Nesta rede social creouse un grupo denominado «Encintados / Esgrafiados / Arte en cal na Galicia interior» que ten por finalidade reunir fotografías e informacións acerca destes peculiares deseños, que están tamén presentes en municipios como Portomarín, Monterroso, Antas de Ulla e Guntín.

O grupo foi creado polos restauradores Diego Iglesias e Carola Carrot xunto con Mar López Sotelo, unha traballadora social residente en Pantón que leva moito tempo investigando este patrimonio e que tamén publicou un traballo sobre estes deseños tradicionais no seu blog. As persoas que o desexen poden contribuír á iniciativa achegando ao referido grupo de Facebook fotografías ou informacións sobre este tipo de decoracións.

Mar López, que cursou estudos de antropoloxía cultural, explica que se interesou polos esgrafiados ao darse conta da importante presenza que teñen nos municipios da Ribeira Sacra. «Chamoume moito a atención a calidade, a variedade e a orixinalidade deses deseños e deume pena ver que en moitos casos se están perdendo sen que se preste ningunha atención ao valor que teñen», sinala. «Entón decidín fotografar e documentar todos os que poida para intentar axudar dalgún modo á súa conservación ou polo menos para que quede constancia deles cando iso non sexa posible», engade.

Orixes incertas

Máis adiante, Mar López contactou con Iglesias e Carrot, que tamén se interesaron por este patrimonio, e os tres decidiron unir os seus esforzos para estudalo e difundilo. Os promotores da iniciativa sinalan que os estudos sobre estas manifestacións artísticas son escasísimos e que non hai un consenso en canto ás súas posibles orixes históricas. Mar López sinala a este respecto que a técnica da decoración con deseños de cal tivo moita importancia na arquitectura mudéxar e que en Cataluña comezou a popularizarse na segunda metade do século XVII. «Non sabemos en que momento chegou ao interior de Galicia nin como se propagou, que é algo que temos que investigar máis, pero sospeitamos que a súa difusión pode estar relacionada cos camiños de Santiago», apunta.

Os creadores do grupo de Facebook esperan axudar a que a institucións públicas e os particulares se conciencien sobre a importancia deste legado artístico e sobre o valor que pode ter para o turismo cultural. En canto ao seu estado de conservación, Diego Iglesias sinala que é problemático porque en moitos casos estes deseños se encontran en vivendas abandonadas. Pero por outro lado indica que tamén poden mostrar unha notable resistencia. «No 2008 estiven vendo os esgrafiados da parroquia de Zoás, en Taboada, que me sorprenderon moito pola súa abundancia e calidade», di. «Volvín observalos en febreiro deste ano e a pesar do tempo que pasou non se lles notaba moito deterioro», agrega.

Unha exposición en maio no Museo Etnográfico de Vigo

A colección de fotografías de esgrafiados que reuniu Mar López Sotelo nos municipios da Ribeira Sacra chamou recentemente a atención de Victoria Vázquez, directora do Museo Etnográfico Liste, de Vigo. O centro acollerá en torno ao Día das Letras Galegas unha exposición baseada nos materiais reunidos pola investigadora.

López, Iglesias e Carrot, por outra parte, teñen previsto organizar máis adiante unha exposición sobre os esgrafiados en colaboración co Concello de Pantón, que se acompañaría cunhas conferencias divulgativas, e estudan tamén -máis a longo prazo- na posible edición dun libro. De momento seguirán buscando e catalogando decoracións con cal e utilizando Internet para divulgar as súas investigacións. «O grupo de Facebook probablemente o substituiremos dentro de pouco por unha páxina nesta mesma rede social, porque pensamos que pode funcionar mellor», comenta a este respecto Diego Iglesias.

 

Un mapa pioneiro

Utilizando o servidor de aplicacións Google Maps, Mar López creou un mapa onde se indica a situación dos edificios con decoracións de cal localizados por ela no sur lucense e no norte ourensán. Por agora ten marcado medio centenar de lugares nos municipios de Carballedo, Chantada, Taboada, O Saviñao, Pantón, A Pobra do Brollón e Castro Caldelas. Pero a autora di que ten localizados moitos outros puntos que irá situando no mapa de forma paulatina