«Un dos meus soños é poder competir nuns Xogos Olímpicos»

LEMOS

LUIS CONDE

A atleta monfortina do Valencia solicitoulle ao alcalde unha líña de subvencións para os deportistas individuais

19 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A atleta monfortina Saleta Fernández comeza esta fin de semana a tempada oficial das competicións ao aire libre. A xove promesa, que foi recibida a última hora do luns polo alcalde, José Tomé, como recoñecemento ao subcampionato de España absoluto que logrou en Salamanca, encara con ilusión e optimismo os vindeiros meses. Nesa recepción, a deportista local solicitou ao rexedor unha liña de axudas para deportistas que non están en clubes locais. Tomé confirmoulle que nos orzamentos destinarán uns 5.000 euros a este apartado.

-¿Como valora a recepción por parte do alcalde?

-Este tipo de actos sempre son positivos. Agradézolle a José Tomé este recoñecemento, e sobre todo que teña sensibilidade cara os deportistas que competimos no eido individual. Entendo que ata agora estabamos discriminados con respecto aos clubes, pero dende o luns xa sabemos que disporemos dunha axuda.

-¿Coida que son suficientes os 5.000 euros que irán destinados a esta partida?

-Non sei entre cantos deportistas repartirá esta cantidade. De todos os xeitos teño que dicir que o importante é que vaia comezando.

-¿Séntese valorada polas institucións?

-Sempre recibín moitas felicitacións de parte das institucións.

-Refírome ao tema das axudas.

-Da Deputación recibo, pero entendo que poderían destinar unha maior cuantía.

-¿Dáse conta do que conseguiu en Salamanca?

-A verdade é que si, porque cumprín un soño, compartir podio coa miña ídolo, Ruth Beitia, e ser subcampiona de España. Estou moi contenta de como comezou a tempada en pista cuberta, o que me motiva para ser aínda máis ambiciosa. Dá gusto ver como o traballo, o esforzo e o sacrificio que fas ten a súa recompensa. Estou moi ilusionada.

-Este sábado comeza a campaña ao aire libre.

-Si, comezo en Santander na liga cántabra, aínda que neste caso irei fóra de concurso. Se participo é para continuar collendo a forma para afrontar con garantías os vindeiros campionatos, que xa están á porta.

-¿Cales son os principais obxectivos dos vindeiros meses?

-O principal obxectivo é gañar o campionato de España, bater o récord absoluto galego, que está no meu poder, con 1,83 metros, e facelo ben no Europeo de Polonia no mes de xullo.

-¿Soña cos Xogos Olímpicos?

-[Sorrí] Para iso aínda quedan catro anos, e poden pasar moitas cousas. Recoñezo que a miña gran ilusión e competir nuns Xogos Olímpicos, porque considero que é o máximo ao que aspira calquera deportista. É verdade que nalgún intre soñei con iso, pero hai que ser realista e pensar que queda tempo e será complicado.

-Xa sabe que Ruth Beitia considéraa a vostede como a súa sucesora.

-Oxalá poida parecerme o máximo posible a ela algún día. Ruth é o meu espello, coa que madurei coma deportista e persoa. É un privilexio adestrar con ela.

-¿De que maneira está influíndo o seu adestrador, Ramón Torralbo, na súa carreira?

-Moito, porque todo o que estou saltando débollo a el. Está sendo fundamental na miña evolución.

-¿Como leva os seus estudios de márketing?

-Moi ben. Os deportistas temos que prepararnos, porque cando nos retiremos necesitaremos ter unha profesión.

-¿Acostúmase en Santander?

-Estou totalmente adaptada.

-¿Que mensaxe lle traslada aos afeccionados?

-Agradézolles o apoio que sempre me dan, e espero cumprir os obxectivos que todos esperan de min.