A Feira Medieval e o lavado de culpas

Pilar Saavedra Codesido, Francisco Pardo Capón, Mario Lois Pérez Domíngue e dez sinaturas máis TRIBUNA

LEMOS

20 abr 2017 . Actualizado a las 11:05 h.

Milleiros de persoas, monfortinas e visitantes, abarrotaron a nosa cidade na decimoquinta edición da Feira Medieval. Talleres de cestería, cordelería, escritura gótica, xogos da ra, paseos en burra para nenos, xustas medievais, cetrería.... foron algunhas das actividades celebradas con grande éxito de público. O ateigamento nos locais de hostalería ou a enorme cantidade de persoas vestidas con traxes de época deixou na cidade uns cartos que deberían supoñer un motivo de alegría para todas e todos nós.

Mais a intransixencia e un profundo complexo que leva a tratar de converterse en guía, en adaíl das esencias católicas, ditan artigos para a prensa desatinados, contraditorios e irrespectuosos con todas as persoas -moitas- que pensamos de xeito distinto á autora da tribuna publicada onte neste xornal. Chamarlle aquelarre ao espectáculo de lume e á subida ata o Parador con fachós e farolillos e dicir que se estaba entronizando e rendéndolle culto ao demo é un desatino e unha necidade. Nesta festa estase representando a Idade Media e e as supostas bruxas son unha interpretación dunhas mulleres ás que a «Santa Inquisición» acusaba, torturaba e queimaba porque non comungaban coa súa relixión. É contraditorio, ademais, o que escribe porque as representacións tamén se fan nos ritos católicos dos que fala. Ou unha procesión católica é algo máis que unha interpretación, neste caso de choros, lamentos ou mortes?

Fala tamén de que a coincidencia da celebración coa Semana Santa é un ataque deliberado ás crenzas de milleiros de monfortinos. E como podemos cualificar o mencionado artigo? Cando menos, de irrespectuoso coas persoas que non coincidimos coas súas ideas, e aclarámoslle que non nos estamos a referir unicamente a agnósticos, ateos e persoas doutras confesións relixiosas. Tamén incluimos a católicos menos imprudentes que a autora do artigo, que ven a Feira Medieval como unha oportunidade de atraer xente a unha cidade moi necesitada dela e dos cartos que nela poidan deixar nunhas datas de descanso do traballo e que posibilitan viaxar (razón pola cal se celebra nestes días).

Hai partes do artigo que nin merecen comentarios pola súa simpleza, como aquela na que di que, ao solaparse a Feira Medieval e a Semana Santa, se produce un grave prexuízo por non celebrar dúas festas que convirtan a Monforte en centro de atracción turística en dúas datas distintas. E quere facernos ver nese parágrafo que a Semana Santa monfortina (unha procesión) é un foco de atracción comparable á que se celebra en Sevilla. Como diciamos, sen comentarios!

En canto á ofensa que supón o «aquelarre» para os nenos, dicir que os ollos de espanto que lles viu non eran tal. Os «malignos» que andamos pola feira vimos ollos de asombro, caras de ledicia subidas ao lombo dunha burra, de ilusión na aprendizaxe da escritura gótica, de gozo no xogo da ra... Espanto produce unha cultura que fai da morte e do sufrimento en vida a súa razón de existir, unha cultura onde todo xira en torno ao sangue derramado, aos azoutes e aos choros de nais polos fillos mortos! O que produce arrepío e que os nenos e nenas vexan na televisión como morren miles de inocentes como eles, todos os días e en moitas partes do mundo, pola avaricia, por guerras provocadas por uns maiores que buscan exclusivamente o poder e que -casualidades que hai na vida- acostuman a ter como guía as interpretacións máis anacrónicas das distintas relixións, entre elas a máis trasnoitada ortodoxia católica. Por último, lembrar que vivimos nun estado aconfesional (artigo 16.3 da Constitución), que xa pasou a longa noite de pedra e que teremos que comezar a explicarlle aos poderes públicos elixidos democraticamente que é inadmisible seguir participando como institución nestes actos porque, entre outras cousas, a lei está para cumprila, e renderlle pleitesía a unha imaxe relixiosa á que chaman «Madre de Dios», supón incumprir a Constitución. Quen teña que lavar as culpas que o faga que nos deixe aos demais vivir en paz.