«Acertamos levando o circuíto cara o centro da cidade»

La Voz

LEMOS

ROI FERNANDEZ

22 abr 2017 . Actualizado a las 13:42 h.

O técnico de Deportes do Concello de Monforte, Óscar Rodríguez, é o artífice de que a carreira popular teña cada vez máis repercusión no resto de Galicia. Os números están aí, e un ano máis a proba superará o millar de atletas. Considera que unha das razóns que explican un aumento de corredores foi a decisión de levar o circuíto ao centro da cidade.

-¿Que lectura fai do número de participantes?

-Moi positiva, porque unha vez máis superamos o millar de corredores. Se o tempo se mantén así podo asegurar que mañá bateremos o récord de participantes, tendo en conta que hai un gran número de nenos participantes, e iso fai que corran todos. Quero agradecer unha vez máis a colaboración de todos os centros educativos de Monforte á hora de facer a inscrición.

-¿Pódese dicir que a carreira está consolidada?

-Totalmente. Este ano teremos en Monforte a un dos mellores atletas, o portugués Nuno Costa, que vén de gañar a Vig-Bay. A pesar de que apareceron carreiras novas, nós continuamos cubrindo as expectativas, e todos os corredores xa apuntan esta data no calendario.

-¿De que maneira influíu o cambio de circuíto na carreira?

-Teño que dicir que o feito de traer a carreira cara o centro foi moi acertado, porque convértea en máis atractiva, tanto para os corredores como para os afeccionados, que lle dan un gran colorido animando.

-¿Aumentan os premios?

-O feito de ser unha carreira popular fai que haxa moitos premios. Tamén haberá cartos para os tres primeiros da carreira absoluta. Quero destacar tamén a colaboración que teremos duns 45 voluntarios.

-¿Non pensaron colocar a carreira nas festas patronais?

-Poderíase pensar noutra cousa, pero as carreiras populares paran no verán.

-¿Que mensaxe lle traslada aos lectores?

-Que saian a rúa para animar aos corredores. Será unha xornada espectacular.