Presentado en Monforte o novo selo editorial Biblioteca de Mesopotamia

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

roi fernández< / span>

A colección ábrese cunha antoloxía de relatos do autor lucense Ánxel Fole

23 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A pinacoteca do colexio da Compañía de Monforte acolleu onte a presentación da Biblioteca de Mesopotamia, un novo selo editorial que ten por finalidade publicar obras literarias e históricas relacionadas cos municipios do sur lucense e do norte ourensán, tanto antigas como de nova creación. O primeiro libro da colección é Contos de Mesopotamia, unha antoloxía de relatos de Ánxel Fole -extraídos de diferentes obras- que teñen en común o feito de que a súa acción transcorre nos territorios situados entre o Miño e o Sil. A obra está acompañada por un estudo introductorio do escritor e profesor universitario lucense Claudio Rodríguez Fer e por un glosario que recolle e explica todos os topónimos mencionados nos contos de Fole.

O selo editorial está impulsado pola editorial Chan da Pólvora, que dirixe o escritor e actor monfortino Antón Lopo, e conta co apoio da maior parte dos concellos destes territorios, as deputacións de Lugo e Ourense, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o consorcio de turismo da Ribeira Sacra, o consello regulador da denominación de orixe honónima, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega. Na presentación de onte participaron representantes de todas estas institucións.

No acto, Antón Lopo cualificou a xornada como «un día histórico» para estas comarcas e resaltou o feito de que a iniciativa reúne as contribucións de institucións moi dispares en torno a un obxectivo común. A Biblioteca de Mesopotamia -engadiu- pretende axudar a cimentar «unha identidade comunal» entre todos os municipios situados en torno á confluencia do Sil e o Miño e contribuir por outro lado á consecución do título de patrimonio da humanidade para a Ribeira Sacra.

Por outra parte, o deseñador Manuel Martínez -responsable do deseño da colección- explicou que se puxo un especial coidado no aspecto físico e material dos libros «por un sentido de responsabilidade» e coa idea de colocalo «á altura dos textos dos escritores». A nova biblioteca -agregou- estará formada por «libros sinxelos», pero caracterizados por un grande esmero no deseño, na tipografía e na elección do papel.

Identificación co territorio

Pola súa parte, Claudio Rodríguez Fer fixo fincapé na identificación de Ánxel Fole coas terras do sur da provincia e situouno entre os «narradores xenerosos con lugares de acollida nos que non tiñan raíces nin naceran, pero onde gozaron de estancias e vivencias que os encheron de coñecemento e de beleza».