¿Como musealizar os vestixios da batalla de Repil?

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

Os obxectos recuperados no escenario do sangrento choque armado de 1949 non son recoñecidos legalmente como pezas arqueolóxicas

27 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As escavacións iniciadas o ano pasado no escenario da chamada batalla de Repil -nos límites entre os municipios de Monforte e A Pobra do Brollón- ofrecen a peculiaridade de ser o primeiro proxecto arqueolóxico relacionado coas guerrillas antifranquistas que se leva a cabo en Galicia. Como este tipo singular de arqueoloxía -denominada do pasado contemporáneo- non conta con precedentes na comunidade, aínda non está moi claro o destino que deberán ter os obxectos recuperados no curso das investigacións. Por agora, o que está previsto é conservalos e expoñelos no local social da parroquia de Cereixa, cuxos veciños promoveron este proxecto, do que forman tamén parte as escavacións do cercano castro de San Lourenzo.

O arqueólogo Xurxo Ayán, encargado da dirección técnica das escavacións, sinala que a nova Lei do Patrimonio Cultural de Galicia -ao igual que a anterior- non considera como pezas arqueolóxicas as que se recuperan en xacementos tan recentes como o de Repil, que data de entre os anos 40 e 50 do século pasado. «Como non teñen esa categoría legal, non poden ser depositadas nos museos públicos, ao contrario do que sucede coas pezas arqueolóxicas de épocas máis antigas, como a Idade Media ou o período castrexo», explica. Nestes casos é obrigatorio entregar os obxectos ao museo de referencia máis próximo -isto é, o Museo Provincial de Lugo- despois de terminar o seu estudo.

Pezas recuperadas

Ata agora, os investigadores localizaron moi poucas pezas relacionadas directamente co enfrontamento armado que se produciu en Repil en 1949 entre os guerrilleiros e a Garda Civil. Entre elas hai un casquillo de bala de pistola e unha baioneta que descubriu un veciño hai moitos anos e que foi reproveitada como machete. Pero nas escavacións que está previsto levar a cabo este ano espérase localizar máis restos. Os traballos vanse centrar a partir de agora nunha camada de terreo situada por debaixo dun pavimento de baldosas que construíron anos despois da batalla os donos da vivenda onde se refuxiaran os guerrilleiros. «Estiveron na casa cerca de dous anos, así que confiamos en encontrar obxectos que nos proporcionen información sobre a vida que levaron durante ese tempo, ademais de posibles vestixios do enfrontamento», explica Ayán

No local social de Cereixa xa se encontran actualmente outros obxectos que foron recuperados na primeira campaña de escavación. Trátase de diversos utensilios domésticos empregados polos propietarios da casa antes do seu abandono definitivo, a principios dos anos sesenta. Ao ser dunha época algo posterior, non gardan unha relación directa co choque armado de 1949, pero -segundo explica Ayán- teñen interese como testemuños materiais da vida cotiá da posguerra nas poboacións rurais da comarca de Lemos.

O caso dos obxectos recuperados en Repil é polo momento único en Galicia, pero non o será durante moito tempo. Este ano está previsto realizar escavacións en refuxios da guerrilla antifranquista noutras partes de Galicia, como Valdeorras e Carnota.