O mapa turístico máis completo das igrexas románicas do Miño e o Sil

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O Ecomuseo de Arxeriz divulga na súa web un plano detallado que formará parte dunha guía en papel

09 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Ecomuseo de Arxeriz -xestionado no Saviñao pola Fundación Xosé Soto de Fión- elaborou o primeiro mapa turístico que indica a situación de todas as igrexas románicas da Ribeira Sacra, tanto no territorio lucense como no ourensán. Na web do centro foi editada unha versión interactiva deste traballo, onde é posible ver fotografías de cada un destes templos pinchando nas iconas que as representan.

Os símbolos que indican a posición de cada unha das igrexas -72 en total- son de cor azul e vermella. O director do museo, José Antonio Quiroga, explica que os primeiros corresponden aos edificios que manteñen practicamente íntegra a súa fábrica románica. Os sinais vermellos representan os templos que sofriron alteracións ao longo dos tempos, pero conservan unha parte considerable da súa estrutura orixinal ou ao menos algúns elementos importantes desa época, como portas, ventás ou canzorros esculpidos.

No mapa, polo contrario non figuran outras dezasete igrexas de orixe medieval existentes neste territorio que foron refeitas por completo en tempos posteriores e nas que hoxe non hai ningún rastro visible dese período, ou ben que só conservan algún elemento de escasa importancia. «É o caso, por exemplo, da igrexa do mosteiro de Montederramo -sinala Quiroga-, onde o único que queda da época románica é unha pequena ventá».

Estas outras igrexas si serán mencionadas nunha guía do patrimonio románico da Ribeira Sacra que o ecomuseo ten previsto editar en formato de libro nun prazo aproximado dun mes ou ou mes e medio. «A guía só ofrecerá unha lista destas igrexas para sinalar que teñen a súa orixe nese período histórico, pero non haberá máis descricións porque non tería sentido enviar a eses lugares aos visitantes que o que queren ver é románico», engade Quiroga.

Acceso gratuíto

Os autores indican que o plano foi elaborado tomando como base un mapa topográfico do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta. Ademais das igrexas, indica as actuais vías de comunicación que permiten chegar a elas e as principais poboacións de referencia. Xunto coas das fotografías, eses son todos os datos que se ofrecen. Quen desexe saber máis sobre estes monumentos terá que adquirir a guía en papel. «A información dispoñible na web é moi básica, pero tamén é totalmente gratuíta e permite localizar con facilidade a situación de todas as igrexas», apunta Quiroga a este respecto. «Non é posible ofrecer de balde en Internet toda a información que conterá a guía porque a súa elaboración foi un proceso moi laborioso e supuxo un investimento importante», agrega.

Un libro de máis de 200 páxinas con textos en galego, castelán e inglés

A guía en papel que prepara o Ecomuseo de Arxeriz ten unha extensión de 216 páxinas e inclúe fichas descritivas de cada unha das igrexas románicas que figuran no mapa, acompañadas das correspondentes fotografías. Os textos ofreceranse en versión trilingüe, en galego, castelán e inglés. A obra contén tamén un glosario didáctico sobre a arte e a arquitectura románicas. Os responsables do proxecto teñen previsto imprimir unha primeira tiraxe dun millar de exemplares.

A iniciativa ten poucos precedentes, xa que ata agora só se editou un libro dedicado en exclusiva a divulgar o patrimonio románico deste territorio. Trátase do Cuaderno del románico de la Ribeira Sacra, publicado por Francisco Ruiz Aldereguía no 2011, que o propio autor considera máis como un libro de viaxes que como unha guía.

Otras publicacións

Outras guías turísticas de carácter xeral sobre a Ribeira Sacra ofrecen informacións dispersas acerca dos monumentos románicos xunto con moitos outros puntos de interese. Un tipo de publicación moi diferente son os estudos sobre o románico local que editaron historiadores e investigadores como Manuel Chamoso Lamas, Ramón Izquierdo Perrín, Jaime Delgado Gómez, Xosé Lois García ou Sonia Fernández.