«Os nosos rapaces mostran moito compromiso»

La Voz CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

López participará o sábado nun concerto conxunto da Real Banda de Ourense e os músicos da Garda Real

17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xoán Carlos López Vázquez dirixe desde a súa fundación a Banda de Gaitas de Chantada e leva moito tempo colaborando coa Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. O músico terá unha importante participación nun concerto que ofrecerá o sábado esta formación -no auditorio municipal ourensán, ás 20 horas- xunto coa Unidade de Música da Garda Real. As dúas bandas actuarán baixo as batutas dos seus respectivos directores, Xosé Lois Foxo -natural do municipio de Folgoso do Courel- e o valenciano Enrique Damián Blanco.

-¿En que vai consistir o seu papel nesta actuación?

-Encárgome de adaptar as pezas que se tocarán conxuntamente neste concerto, entre as que estarán a Muiñeira de Chantada, a Muiñeira de Ponte Sampaio, a Alborada de Pascual Veiga, Ourense no solpor de Manuel de Dios e os himnos de Galicia e España. As partituras teñen que estar moi ben especificadas porque os músicos da Garda Real chegarán con moi pouco tempo para ensaiar e haberá que preparar a actuación nun só día. Pero son intérpretes dunha calidade excepcional, así que non creo que haxa ningún problema para actuar conxuntamente coa Real Banda de Gaitas a pesar de ter moi pouco tempo para os ensaios.

-Aparte de ser a primeira interpretación conxunta das dúas bandas, ¿o concerto presenta algunha outra peculiaridade?

-Si, porque será a primeira vez que a Real Banda de Ourense utilice nun concerto tres tonalidades diferentes de gaita. Máis concretamente, usaranse as tonalidades de fa agudo, fa grave e si bemol. É unha innovación técnica importante porque isto supón que a banda pasa a tocar nun plano máis sinfónico e penso que pode ser moi interesante para os afeccionados ás bandas de gaitas e á música tradicional galega.

-¿Hai músicos de Chantada na Real Banda de Ourense?

-En tempos houbo varios, pero actualmente son eu o único. Algúns membros da nosa banda infantil teñen actuado recentemente xunto coa formación de Ourense. Por exemplo, na última cabalgata de Reis. Na banda infantil temos cerca de vinte rapaces de 8 a 13 anos de idade que mostran un nivel musical moi notable. De feito, quedaron no primeiro lugar da súa categoría nas dúas xornadas do último Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, que se celebraron en Quiroga e Ribadavia.

-¿Hai moita diferenza entre dirixir rapaces e adultos?

-Tratamos de levar unha dinámica distinta, porque aos rapaces hai que darlles cousas máis sinxelas. De todas maneiras, están todos moi comprometidos con isto, talvez máis que os maiores. Poñen moito esforzo, nunca faltan aos ensaios e ilusiónanse moito cando se trata de participar en torneos de bandas e de actuar en público.