«Gustaríame unha única candidatura para os que están fóra do PP e do PSOE»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

22 jun 2017 . Actualizado a las 10:42 h.

Pilar López foi candidata do BNG á alcaldía nas eleccións do 2015 e agora asumirá a portavocía dos catro concelleiros non adscritos escincidos desta formación política.

-Que vostedes discreparon en máis dunha ocasión da liña maioritaria no BNG non é ningún segredo. Pensaron en rachar co BNG nalgún momento antes de agora?

-Se había diferenzas eran do Bloque co grupo municipal, e vendo os resultados penso que o errado era o Bloque, pero respecto a quen poida pensar o contrario. Nunha organización, como nunha familia, non se está sempre ao 100 % de acordo, pero a inmensa maioría da xente de Monforte sabe que sempre actuamos pensando nela e iso non nos impedía defender a ideoloxía do BNG tal e como a entendemos e practicamos cada día. Iso sen negar que, como calquera, cometemos erros, por suposto.

-A asemblea de Amio, a formación das Mareas... Para deixar o BNG non houbo acontecementos de máis importancia que a polémica do Hotel Comercio?

-Nós sempre dixemos que a nosa bandeira era Monforte. Foi un problema estritamente monfortino o que provocou a ruptura. Nós dicimos e practicamos co exemplo e iso é o que imos seguir facendo. Non nos conduce máis que a defensa dos intereses de Monforte e a súa xente. Iso non quere dicir que non teñamos ideoloxía e principios, pero o primeiro é o primeiro. O que está claro é que desde a Asemblea de Amio, o BNG ten cambiado moito entre outras cousas porque hai moítisima xente que xa non está na organización, tanto a nivel nacional como local.

-Como era o traballo no grupo municipal?

-No grupo municipal sempre existiu cordialidade e sempre se tomaban as decisións por maioría, e non sempre gañaba o meu criterio, pero sempre respectei a maioría.

-Había discrepancias con Emilio Sánchez?

-Con Emilio Sánchez nunca houbo diferenzas importantes. Como con calquera outro compañeiro, podíamos ter cadaquén a súa visión pero iso é moi enriquecedor nunha organización democrática, e ser capaces de chegar a entendemento para, ao final, concordar coa decisión.

-E co consello local?

-Debería ser o consello local o que conteste esta pregunta.

-Non teñen medo de que os seus votantes pensen que van demasiado da man do PP?

-Nós estamos do lado do respecto, o diálogo, o consenso, a convivencia e a democracia. Se hai un alcalde que non respecta a corporación municipal nin os funcionarios, que dificulta a convivencia e di que non cumpre o que acorda a maioría, non podemos aceptalo. E se niso está de acordo tamén o PP, pois non por iso imos a deixar de dicilo. O erro non o comete quen denuncia situacións inxustas, senon quen as provoca. É dicir, o problema teno non quen coincide con outros senón quen crea o problema e quen non fai nada para denuncialo e solucionalo. Sabemos perfectamente que o PP e nós temos políticas diferentes pero cando hai que defender o mellor para a cidade e para os veciños, as cores políticas hai que deixalas de lado e ter a capacidade de facelo. Na defensa dos intereses de Monforte ás veces coincidiremos con uns e outras veces con outros, pero o importante é ser coherentes e ver que se ten como prioritario, e no noso caso, ficou claro que por riba de todo está Monforte. As cousas hai que apoialas por ser xustas e non por quen as propoña. Esa é a miña maneira de entender a política.

-Hai afinidades evidentes entre vostedes e Esperta Monforte. Cabe agardar algún achegamento?

-O mundo de Esperta Monforte ten moito que ver co que nós representamos, pero ás veces a confluencia non é fácil. Na práctica existen moitas cousas en común. Non sei o que pasará pero sempre traballarei pola unidade dos sectores fóra do PSOE e PP.

-Faltan dous anos para as próximas eleccións? O seu ciclo político acabará con este mandato ou vese como candidata outra vez?

-Agora síntome con forza para seguir traballando por Monforte. O futuro non sei como será pero o meu desexo sería que en Monforte existise unha única candidatura que agrupase a todos os sectores que están fóra do PP e do PSOE. Tamén sei que iso é moi difícil, pero iso non impide que sexa o que a min me gustaría, pero iso si, cun denominador común e único obxectivo: velar polos intereses do noso concello por riba de calquera outro.

-E nese caso, preferiría ir como candidata independente ou nalgunha outra formación política?

-Agora mesmo nin mo formulo. Agora toca estar onde sempre estivemos, ao lado da xente e dos seus problemas, defendendo todo aquilo que consideramos bo para seguir construíndo un Monforte mellor. Nós temos un fin claro que é Monforte. Sabémolo ademais porque gobernamos durante moitos anos e nos mantivemos a base de diálogo e respecto polos cidadáns. Monforte merece representantes políticos  capaces de defender os seus intereses, de dialogar e facilitar a convivencia de todos.