O misterio do petróglifo de Salcedo

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

A POBRA DO BROLLÓN

CEDIDA

No Cebreiro gárdase hai moito tempo unha suposta copia dun gravado prehistórico que segundo a tradición local procede da Pobra do Brollón

19 nov 2015 . Actualizado a las 07:57 h.

No mesón Xiraldo de Aurillac do Cebreiro consérvase un enigmático testemuño do patrimonio arqueolóxico de procedencia descoñecida. Consiste nunha talla feita sobre pedra calcárea que representa unhas figuras humanas e animais de aspecto prehistórico. O arqueólogo Xabier Moure, que investigou as orixes desta peza, sinala que -segundo os veciños- foi levada desde Salcedo, no municipio da Pobra do Brollón, e consiste en realidade nunha copia dun relevo cuxo paradoiro se descoñece.

A peza, segundo explica o arqueólogo, permaneceu gardada moitos anos nunha palloza do Cebreiro que servía de vivenda. «Os descendentes dos donos da casa non sabían quen trouxera a peza nin porque estaba alí», sinala. «De acordo con esta tradición oral, o gravado debía levar na vivenda desde hai cerca dun século», agrega. Sábese tamén que durante moito tempo foi reaproveitado como lintel dunha porta.

A tradición familiar afirma tamén que o gravado orixinal foi levado fóra de Galicia. «Pero sobre iso hai varias versións e algunhas din que a levaron a Barcelona e outras que a Sevilla», precisa Xabier Moure. «En todo caso, os veciños sempre estiveron seguros de que a copia procedía de Salcedo e isto é moi significativo, porque resulta difícil de crer que o inventaran», engade.

A enigmática peza acabou indo a parar ao mesón Xiraldo de Aurillac e nalgún momento alguén -non se sabe aínda quen puido ser- reparou en que debía tratarse dunha copia dun gravado prehistórico. «De feito, chegou a editarse unha postal cunha fotografía da talla que se vendía no mesón», apunta Moure. No reverso da postal lese simplemente «Relieve de la Edad del Bronce y fecha de su hallazgo». Efectivamente, nun extremo da peza está gravada a data de 1952. Moure non chegou aínda a saber quen editou esa postal, da que garda un exemplar. Na actualidade, o misterioso gravado non se mostra ao público no mesón.

Descoñecemento total

Se os recordos sobre a copia do petróglifo que conservan os veciños do Cebreiro son escasos e confusos, non suposto lugar de orixe da peza non se sabe moito máis. «Preguntei a algúns veciños de Salcedo se oíran falar dese gravado e ata agora non encontrei ninguén que tivese a menor idea diso», explica Moure.

Unha escena de monta de cabalos que podería pertencer á época castrexa

Nos petróglifos de Campo Lameiro -e doutros conxuntos de arte rupestre galego- poden verse deseños de figuras humanas montadas a cabalo, unha circunstancia que talvez os podería relacionar co gravado rupestre de Salcedo. Pero Xabier Moure sinala que as escenas de monta da Idade do Bronce son moito máis sinxelas e esquemáticas que a de Salcedo, así como as representacións humanas. «As figuras de homes e animais da Idade do Bronce están formadas por unhas simples liñas e ás veces resultan difíciles de interpretar», apunta. «En cambio, non hai dúbida do que representa o gravado de Salcedo, porque mostra claramente unhas figuras humanas con rostros ben definidos e incluso vénselles cinco dedos en cada man», agrega.

O arqueólogo sinala ademais que hai unha diferenza notable no trazado das figuras de cabalos. As da peza de Salcedo teñen catro patas, mentres que as dos petróglifos de Campo Lameiro e doutras zonas non teñen máis que dúas.

Cronoloxía incerta

Tendo en conta o detallismo que mostra o gravado de Salcedo, Xabier Moure considera que o deseño debe pertencer a unha etapa cultural máis avanzada que a Idade do Bronce ou a Idade do Cobre. «Son uns deseños máis complexos que os deses períodos prehistóricos e podería corresponder á cultura castrexa ou quizá a unha época algo posterior», comenta o investigador.

O arqueólogo recorda por outro lado que o gravado é presuntamente unha copia e que sen examinar o orixinal resulta moi difícil aventurar unha interpretación acerca do posible simbolismo desas figuras. «Tampouco se sabe se autor da copia fixo moitas modificacións con respecto ao deseño orixinal», indica.

Siluetas de espadas que lembran outras figuras rupestres galegas

Os deseños do petróglifo de Salcedo, en opinión de Moure, mostran semellanzas con certos motivos que se ven en gravados rupestres galegos. O arqueólogo fai fincapé nas siluetas de espadas que están talladas sobre dúas figuras animais que supostamente representan cabalos. «As espadas parécense moito ás que hai nos petróglifos do Ramallal, en Campo Lameiro», explica. Este municipio pontevedrés conta cun dos conxuntos de petróglifos más importantes de Galicia.

Porén, Moure puntualiza que hai grandes diferenzas entre o gravado de Salcedo e os petróglifos da Idade do Bronce de Campo Lameiro e doutras partes de Galicia. Sinala que no primeiro deles as figuras das espadas parecen colgar dos cabalos. «Nas representacións da Idade do Bronce, as armas sempre aparecen soas, formando grupos con outras ou empuñadas», precisa.