Como sobrevivir durante seis días nunha aldea sen subministro eléctrico

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / AGENCIA

BÓVEDA

Roi Fernández

Os veciños da Portaxe, en Bóveda, tiveron que soportar un longo apagón nas súas vivendas e granxas

09 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Levo corenta e tres anos vivindo aquí e nunca vin que pasase nada parecido», di Encarnación Álvarez, da familia de Casa Darriba, que posúe unha explotación de gando vacún con 28 cabezas. Como a maioría das casas da aldea da Portaxe, no municipio de Bóveda, estivo privada de subministro eléctrico desde a noite do xoves da semana pasada ata a noite do martes. Durante estes días, os veciños desta localidade da parroquia de Remesar tiveron que arranxarse como puideron para continuar coa súa vida diaria a pesar do prolongado apagón, que afectou a seis das sete casas con que conta A Portaxe. O alumeado público, polo contrario, seguiu funcionando con normalidade todo este tempo.

Na aldea hai tres granxas de gando vacún e todas elas quedaron sen corrente. Para manter en funcionamento as munxidoiras e as bombas que extraen a auga dos pozos houbo que recorrer a grupos electróxenos. Pablo Rodríguez, de gandería Xuíz SC -con 41 vacas de leite e de carne-, utilizou un aparello prestado por un tío seu que reside no Saviñao. O primeiro día do apagón retrasou a munxida ata a noite esperando que volvese a luz, pero ao final non houbo máis remedio que botar man do xerador. «As vacas xa estaban estresadas e berrando coma tolas», conta. «Tiven medo de que chegasen a sufrir unha mamite polo tempo que pasaron sen munxir, pero por sorte iso non chegou a suceder», engade.

 

Un xerador compartido

Na granxa de Fidel Rodríguez, con once vacas, houbo que empregar a batería do tractor para que funcionasen as munxidoiras. «Para sacar a auga do pozo usamos un xerador que compartimos cos veciños, pero só o puidemos utilizar un pouco ao mediodía e despois pola noite, porque durante o resto do día compríalles a eles», sinala.

José Méndez, de Casa Darriba, non tivo que utilizar as munxidoiras, porque todas as súas vacas son de raza rubia e non producen leite. «Pero necesitamos a electricidade para sacar auga do pozo, porque as vacas precisan moita auga e sobre todo as tenreiras», explica. Méndez lamenta non ter buscado antes un grupo electróxeno, que non conseguiu ata o luns. «Se chego a saber que o apagón duraría tanto, intentaba traer antes a máquina, pero pensei que a luz non tardaría moito en volver e na fin de semana, cando vimos que o problema non se daba solucionado, xa non foi posible conseguir o grupo electróxeno», sinala. Mentres tanto, a auga houbo que sacala dun regueiro situado nas cercanías e carrexala con baldes.

Cando os operarios que enviou Gas Natural Fenosa para reparar a avaría chegaron finalmente á Portaxe, localizaron a orixe do problema nun poste eléctrico situado a pouca distancia da casa de José Méndez. «Xa era ben de noite, entre as dez ou as once, e pedíronme que os axudase alumeando o sitio cos faros do meu tractor», recorda.

«Teño ao meu marido encamado e non había auga para bañalo», di unha veciña

Os responsables das tres explotacións gandeiras da Portaxe xa teñen decidido que presentarán reclamacións e que esixirán compensacións económicas polas consecuencias do longo apagón. Todos eles afirman que estiveron chamando repetidamente a Gas Natural Fenosa para avisar da avaría e pedir unha solución. «Dicían que si, que si, pero aquí non veu ninguén ata que o propio alcalde os chamou o martes pola tarde», afirma Fidel Rodríguez. «Só nos sabían dicir que xa mandaran un técnico e que andaba pola zona, pero por aquí non apareceu ninguén», apunta José Méndez. «Gastei 350 euros en gasolina para facer funcionar o grupo electróxeno a pesar de que o apagaba polas noites, e creo que isto merece unha compensación», di Pablo Rodríguez.

Desde Gas Natural Fenosa sinalan que o apagón foi debido á borrasca da pasada semana, como os que se produciron noutras localidades do sur lucense e do resto de Galicia. Porén, a empresa non puido proporcionar onte unha explicación sobre o caso concreto da demora na reparación da avaría da Portaxe.

 

Ducharse noutra localidade

Á marxe das perdas económicas, os veciños da localidade quéixanse das numerosas molestias e incomodidades sufridas durante os días que estiveron sen corrente eléctrica. «Teño ao meu marido moi enfermo e encamado, e non tiña auga suficiente para poder bañalo en condicións», apunta Encarnación Álvarez. Os seus dous netos tiveron que ser levados ata unha localidade cercana para poder ducharse. «Aquí tamén vive unha señora que ten un marido con alzhéimer e ela tampouco contaba con bastante auga para lavalo», agrega a veciña. Encarnación Álvarez conta por outra parte que temeu perder toda a carne que tiña gardada no conxelador, o produto da recente matanza de catro porcos. «Se se chega a derramar toda esa comida, a ver que comíamos despois as sete persoas que vivimos na casa», laméntase.

Durante os días do apagón, os veciños afectados tiveron que alumearse nas súas casas con velas, lanternas e lámpadas de gas. Ademais de abrigarse ben para soportar o frío, porque as caldeiras da calefacción tamén deixaron de funcionar. «Había que deitarse ben cedo despois de cear, porque xa non había nada máis que facer», indica pola súa parte Fidel Rodríguez. «Eu ás dez da noite xa marchaba para a cama», conclúe.