O centro cultural dedicado ao «médico dos pobres» inicia as súas actividades en Bóveda

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

BÓVEDA

A casa que alberga o novo centro cultural encóntrase na aldea de Xullán, pertencente á parroquia de Toimil
A casa que alberga o novo centro cultural encóntrase na aldea de Xullán, pertencente á parroquia de Toimil ÓSCAR GÓRRIZ

A Casa da Memoria será inaugurada o próximo día 23 cun festival organizado en colaboración co Concello

01 jun 2023 . Actualizado a las 11:47 h.

O próximo día 23 é a data elixida para inaugurar A Casa da Memoria, un centro cultural creado na vivenda onde se refuxiou en 1936 Manuel Díaz Fernández, médico e alcalde do Incio que morreu vítima da represión política durante a Guerra Civil. A casa encóntrase na aldea de Xullán —na parroquia de Toimil, en Bóveda— e foi adquirida pola asociación A Memoria é Náufraga, que xestionará o centro cultural.

A asociación, por outro lado, abrirá este venres unha campaña de micromecenato a fin de recadar fondos para realizar un documental sobre Manuel Díaz. O filme será dirixido por Federico Rioboo e titularase O médico dos pobres, unha alcuña pola que foi coñecido Manuel Díaz, que tamén era chamado o Pequeniño do Incio debido á súa curta estatura. As persoas que queiran contribuír ao financiamento deste proxecto poden facelo a través da páxina web da fundación Goteo, no enderezo goteo.org.

 Xornadas inaugurais

Coincidindo día da apertura da Casa da Memoria, por outra parte, o centro cultural acollerá un festival organizado en colaboración co Concello de Bóveda. A xornada desenvolverase baixo o nome de Festival de Arte, Natureza e Benestar. A entrada será gratuíta e o programa de actividades iniciarase ás 22.30 horas do día 23 cunha actuación da cantante Iria Estévez. Ao día seguinte haberá actividades desde as dez da mañá ata as doce e media da noite. O programa comprende unha sesión de ioga dirixida pola especialista Marta Looz e un paseo comentado polo entorno da localidade a cargo de Anxo Moure e Sonia Lamas, así como unha exposición de traxes da deseñadora Cristina Silvosa inspirados en enfermidades mentais. A mostra acompañarase de explicacións de Lucía González, enfermeira especialista en saúde mental. Así mesmo, haberá unha mesa redonda sobre a xestión da sensibilidade na que participarán os artistas Ana Alcaide, Xoán Curiel, Iria Estévez e Sonia Lamas. O festival pecharase con tres concertos dos músicos Rut Amor, Xoán Curiel e Ana Alcaide. Segundo a asociación organizadora, os obxectivos do festival consisten en favorecer o acceso da poboación rural ás actividades culturais e resaltar «o poder sanador da natureza e a importancia de coidar a nosa saúde mental».

Por outra parte, Julio Costa —membro da directiva da asociación A Memoria é Náufraga, sinala que o novo centro cultural —ademais de preservar a memoria de Manuel Díaz— dedicarase «ao estudo e a divulgación do noso pasado a nivel histórico e etnográfico e á creación artística en xeral» e organizará «actividades que dinamicen a vida no rural e axuden a mellorar a saúde mental da poboación».

Unha das iniciativas promovidas por este centro —co apoio da Consellería de Política Social— correrá a cargo do artista e fotógrafo Óscar Gorriz, que durante un mes residirá na Casa da Memoria para desenvolver un traballo de recollida de tradicións orais e de imaxes fotográficas relacionadas co patrimonio inmaterial. Na actividade participarán varios internos da residencia Domus VI con diferentes graos de discapacidade. A asociación que xestiona o centro sinala con esta iniciativa preténdese fomentar «a súa integración coa poboación rural e potenciar as súas cualidades creativas».