O crime da Alameda de Chantada

alfredo pardo CHANTADA

CHANTADA

JON GONZÁLEZ

Un garda municipal foi condenado a prisión por matar dun disparo a un zapateiro o 15 de agosto de 1903

28 may 2017 . Actualizado a las 22:35 h.

Aquela noite do 15 de agosto de 1903 a lúa chorou sangue. Estaba cos meus compañeiros da garda municipal Manuel Linares Pérez e José Rodríguez Vilariño realizando o servizo de vixilancia nocturna, cando vin a Juan Rodríguez Cervelo, alias Roquito, que viña en dirección contraria e esquivou o encontro. Era medianoite cando Roquito se dirixía cara á Alameda arrastrando unha caxata polo chan, o tintineo coas lastras detívose minutos máis tarde.

Descolguei do ombreiro a miña arma regulamentaria, un rifle Remington que empuñei con firmeza, e díxenlle aos meus camaradas:

-«Non sei se me equivoco, pero creo que ese que pasa é o Roquito»

Á miña mente viñan as claras imaxes da malleira que lle proporcionei días antes, ata o punto de ocasionarlle nove feridas contusas, deixándoo sen sentido no chan. Como me chamo Manuel Novoa Ferrete, que esta noite terá o seu merecido. Puxémonos en marcha, Manuel e José advertíronme que non fose detrás do Roquito, que non había motivo. Pero xa era demasiado tarde, marchei diante deles coa carabina nas mans e alí estaba o malfadado, sentado confiadamente no muro da Alameda.

Silandeiro, púxenme a uns tres ou catro pasos detrás del. O reflexo da luz lunar matizada polas árbores recreaba un raro movemento de luces e sombras. Pronto se tinguiría de vermello. Disparei un tiro á súa cabeza, «cuxo proxectil penetrou pola parte superior da caluga, esnaquizando tecidos, arterias, vértebras, larinxe, lingua e foi saír polo lado esquerdo da boca, levándose por diante dous dentes incisivos superiores». Vin luz nunha casa próxima, a dun veciño que se chama Luis Pérez, e decidín chamalo para que viñese connosco a cerciorarse se había un home morto na Alameda. Roquito estaba tendido sobre un gran charco de sangue.

Redactamos o parte no despacho de Luis Pérez e eu mesmo o presentei despois no Xulgado indo seguidamente a chamar ao médico forense Castor Vázquez Coello. Eu esperaba que tanto Manuel como José mantivesen a boca selada. Pero vellos resentimentos e a malleira de hai uns días foron suficiente para que os tres acabásemos nos calabozos do cárcere.

En abril de 1904 o fiscal solicita para min a pena de morte e, se fose concedido un indulto, a de inhabilitación absoluta perpetua. E para os outros dous procesados unha condena de inhabilitación especial e unha indemnización de 2.000 pesetas aos herdeiros do falecido.

O xuízo oral contra Manuel Novoa Ferrete, e os seus dous compañeiros celebrouse na Audiencia Provincial de Lugo o 5 de agosto de 1904. Segundo algunha documentación oficial e as informacións publicada pola prensa da época o Ministerio fiscal e a acusación privada, «solicitaron se impuxese ao Novoa a pena de 6 meses de arresto maior e accesorias». Xa condenado, na súa estadía en prisión o reo «persiste en negarse a tomar outro alimento que non sexan dous vasos de leite ao día». Mentres tanto, o xuízo de revisión estaba pendente.

A Audiencia Provincial sinala para o 20 de decembro de 1904 o segundo xuízo. Como relatores, «o señor Souto, licenciados señores Fole e Fernández Vázquez e procuradores Díaz Gayoso e Barcia». Na sala de audiencia resultou que «algúns dos maxistrados populares estaban un tanto alcolizados, ata o punto, que o señor Espinosa de los Monteros, presidente do tribunal, fixo que un médico recoñecese ao xurado que maiores mostras de horrorosa dixestión ofrecía, a fin de saber se estaba en condicións mentais para desempeñar o seu labor. O facultativo declarou que aínda tendo abusado da bebida o xurado podía continuar, por acharse no pleno uso das súas facultades».

O xurado dictaminou que o procesado non era culpable, pero o ministerio fiscal solicitou a revisión da causa e así o acordou a sala. O terceiro xuízo celebrouse o 22 de agosto e exerceu de fiscal o avogado Juan Bautista Varela Balboa e de secretario Pedro Antonio Maquina. A Manuel Novoa deféndeo Luis Cereijo e aos outros dous procesados o o antigo xornalista chantadino Daniel Vázquez Bóo. «A atmosfera é favorable ao procesado Manuel Novoa», recollían as crónicas.

Inicio da vista

Por falta de tempo, a vista comeza o día 25. Son pouco máis das dez e o día está nubrado. «Os arredores do Concello están tomados por un público ansioso de presenciar os debates de tan ruidosa causa, cuxa vista esperta gran expectación. No salón destinado a Audiencia hai bastante xente desde as primeiras horas da mañá. Ás once constitúese a Sala e previas ás formalidades de rúbrica procédese ao sorteo dos xurados. Preside a vista Espinosa de los Monteros e os maxistrados Calvo Camina e Ulla Fociños.

Os procesados sentan no banco «sendo conducido o Ferrete entre unha parella da Garda Civil. Dada pola presidencia a voz de Audiencia pública un público numeroso, bulideiro, invade de súpeto, como unha onda o salón, corredores e balcón. Dentro xa non cabe unha persoa; está literalmente cheo. Nos estrados vese un gran número de avogados». O secretario comeza coa relación dos feitos, «sendo interrogados os procesados polo Ministerio fiscal. Manuel Novoa alega todo, pero fanlle cargos abafadores os outros dous procesados. Hai momentos en que non se oe. De abaixo, da rúa, sobe un rumor de colmea que entra polas xanelas abertas; e dentro no salón nótase un rumor desusado que obriga á presidencia para axitar varias veces a campaíña, pero inutilmente, polo que o señor Espinosa de los Monteros diríxese ao público rogándolle orde e compostura pois noutro caso adoptará medidas coercitivas».

Restablécese a calma e empeza a proba, «examinando primeiro as testemuñas da acusación e despois a da defensa. Desfilan varias testemuñas que pouco din sobre o feito de autos. Falan de referencia moitos deles. A proba testifical en cambio non favorece ao procesado Manuel Novoa. Como testemuña declara a nai do interfecto, chámase Juana Cervelo e falou con gran exaltación, saloucando; contra o Ferrete que días antes agredira barbaramente ao seu infortunado fillo, pero acerca da morte nada dixo que despida luz e si que ten a convicción de que o Novoa foi quen o matou».

Nas declaracións das testemuñas da defensa faise resaltar que a vítima «era de malos antecedentes e que tiña ameazado de morte ao Ferrete. Hai dúas testemuñas que din que a detonación foi moi forte e que viron un gran resplandor».

Terminada a proba testifical e documental visto o seu resultado, «o fiscal retirou a acusación contra José Rodríguez Vilariño e Manuel Linares Pérez, e a sala dita auto de sobreseimento con respecto a eles dous. Ao final da sesión, «o público sae atropeladamente, empuxándose».

Son as catro, a hora sinalada para a continuación da vista. «Moito antes xa o público que se apiña á entrada do Concello, fai imposible a entrada. A duras penas logro abrirme paso e grazas á amabilidade dun amigo o alcalde desta localidade, don Julio Guerra, pide entrar no salón onde se achaban xa unhas doce persoas. No público que se aglomera na rúa hai moitas mulleres da vila que comentan con calor os incidentes do xuízo. Constituído o tribunal e dada a voz de audiencia pública, os porteiros abren as portas, invadindo o salón o xentío que entra con gran estrépito, empuxándose».

Restablecida a calma, o fiscal «recusa ao xurado Francisco Álvarez, por ser xuíz municipal de Monterroso, recusación que foi resolta favorablemente ocupando o sitio daquel o señor Antonio Vázquez, xurado suplente. Con tal motivo levántase un pequeno murmurio que cesa por encanto ao facer uso da palabra o fiscal Varela Balboa. Vai unha calor horrible e, con todo, a xente apíñase dunha maneira bárbara ansiosa de oír ao novo letrado lucense. O señor Varela Balboa, pronuncia un elocuentísimo discurso. Despois dun fermoso exordio pedindo ao xurado xustiza, entra a relatar os feitos que fixo dunha maneira afiligranada, terminando en brillantísimos parágrafos a súa oración, inspiradísima, moi poética, sobordando arte. Foi un triunfo máis que engadir á súa carreira. Fermosa, inspirada foi tamén a defensa, e houbo momentos en que o público chegou a sentir o entusiasmo do señor Cereijo, un mozo moi simpático, que captou as simpatías deste pobo. O señor Cereijo estivo moi afortunado».

Espinosa resume os feitos e retírase para deliberar. Novoa, «que ata entón non perdera a serenidade, rompe a chorar así que o xurado pronuncia o seu terrible veredicto de culpabilidade, levando a emoción a todos os corazóns».

O Fiscal pide para o Novoa quince anos de reclusión e a defensa a absolución. Mañá ditarase sentenza: a condena foi finalmente de vinte anos de cadea. «O resultado satisfixo ao público que fai eloxios do xurado. De modo que as leis non son tan malas como malo o criterio con que se desenvolven», apuntan as crónicas.

A sala de vistas estaba ateigada de público e os veciños seguían o xuízo desde a rúa

O fiscal e o avogado defensor fixeron discursos brillantes e inspirados

A luz lunar creaba un raro movemento de luz e sombras que se tinguiría de vermello

Varios membros do xurado amosaban síntomas evidentes de intoxicación etílica

Testemuñas confirmaron que o procesado fora ameazado de morte pola vítima