Semanas de ensaios para tocar a versión máis pura da Muiñeira de Chantada

La Voz

CHANTADA

Os Gaiteiros de Soutelo, autores da primeira gravación coñecida da Muiñeira de Chantada
Os Gaiteiros de Soutelo, autores da primeira gravación coñecida da Muiñeira de Chantada ESCANEADA

Os gaiteiros da escola chantadina de música interpretarán a partitura orixinal

23 abr 2024 . Actualizado a las 11:02 h.

A festa de fin de curso da Escola de Música de Chantada vai ser especial este 2024. Será o 1 de xuño e os alumnos e profesores traballan aínda para preparala, pero xa se saben algunhas cousas que farán desta despedida de curso algo diferente ao habitual. Por exemplo, que nun momento da festa van estar subidos ao escenario máis de 100 músicos tocando a mesma peza. Ou que o grupo de gaitas vai interpretar unha versión da Muiñeira de Chantada baseada na orixinal da Banda dos Ferraias e non na que despois popularizaron por todo o mundo os Gaiteiros de Soutelo, o grupo de Avelino Cachafeiro.

A versión comunmente aceptada é que os creadores da máis coñecida das muiñeiras foron no século XIX os irmáns de Chantada Manuel e Antonio Fernández, que formaban parte dunha banda de música local, a dos Ferraias. Os Gaiteiros de Soutelo incorporárona despois ao seu repertorio adaptada á gaita e foron os que a fixeron popularizar internacionalmente e os primeiros que fixeron una gravación con ela, no ano 1928. A partitura daquela gravación é a que utilizan aínda hoxe os gaiteiros que queren tocar a Muiñeira de Chantada é e diferente á orixinal da chantadina Banda dos Ferraias, que é a que interpretan as bandas de música.

«A muiñeira de Chantada é patrimonio cultural, non só desta vila, senón tamén de toda Galicia·», afirma Óscar Rodríguez, profesor de gaita e percusión na Escola de Música de Chantada. Coordinador da área de música tradicional dentro deste centro, levaba tempo querendo «facer unha adaptación desta muiñeira máis fiel á que interpreta a banda de música».

As dúas versións, a que tocan os gaiteiros e a das bandas, son a mesma peza, pero non son exactamente iguais. «A base, a estrutura, é a mesma, pero a forma de tocar e os matices non son iguais», explica Óscar Rodríguez. Calquera afeccionado, e tamén calquera leigo que non teño un oído especialmente difícil para a música, é capaz de distinguir as diferenzas se as escoita seguidas e para un gaiteiro de Chantada ten que ser interesante tocar a versión máis fiel á dos seus creadores.

O modelo co que ensaian xa os alumnos da escola de música é unha partitura extraída das dúas que utiliza a Banda de Chantada para clarinete, unha segunda voz e unha primeira. As partituras levounas Adrián Vences, intérprete de clarinete na banda e estudante ao mesmo tempo da escola de música.

A base de repetila

Suponse que Avelino Cachafeiro e os seus compañeiros aprenderon a Muiñeira de Chantada naquela festa de Veiga a base de pedirlles aos intérpretes locais que a tocasen para eles poder repetila moitas veces ata memorizala.

«Se cremos esa historia -di Óscar Rodríguez- o lóxico é pensar que os cambios entre as dúas versións teñen que ver simplemente con que eles aprendérona á súa maneira». Pero tamén con diferenzas técnicas entre as gaitas de hai cen anos e os instrumentos habituais das bandas de música. Porque no normal é pensar que os Gaiteiros de Soutelo adaptaron o que estaban oíndo ao que era posible tocar con gaita.

Óscar Rodríguez explica que a versión orixinal, a que tocan as bandas, é tecnicamente máis fácil na segunda parte da peza, e probablemente tamén na terceira. Pero a primeira parécelle máis difícil que a de gaita gravada por Avelino Cachafeiro en 1928.

Esas diferenzas explícanse por razóns técnicas derivadas das características das gaitas antigas. «Había notas que as gaitas de antes non as daban, por exemplo algunhas agudas, así que adaptaban esa nota a grave», indica Óscar Rodríguez. Pero as gaitas actuais non teñen esas limitacións técnicas, así que un gaiteiro xa non ten ningunha razón para evitar interpretar a Muiñeira de Chantada tal como a escribiron Manuel e Antonio Fernández nalgún momento do século XIX.

Esta interpretación da versión orixinal da Muiñeira de Chantada, pero con gaitas, correrá a cargo dos estudantes de gaita e percusión da escola de música de Chantada. Está aínda por ver cantos intérpretes subirán ao escenario para tocar esta peza, pero no centro calculan que rondarán os corenta.

A agrupación de gaitas da escola de música, na feira do viño do ano pasado
A agrupación de gaitas da escola de música, na feira do viño do ano pasado JOSÉ MANUEL FERNÁNDEZ ÁGUILA

Cen intérpretes sobre o escenario o 1 de xuño para despedir as clases

Esta pouco común interpretación con gaitas da partitura da Muiñeira de Chantada soará durante o festival de fin de curso da Escola de Música de Chantada, un centro educativo dependente deste Concello. E non vai ser o único espectáculo pouco habitual que presenciarán os que o 1 de xuño acudan a presenciar o festival, que se celebrará na praza do Cantón, no corazón do casco vello da vila. Noutra das interpretacións que prepara a escola para ese día, cen persoas subirán ao escenario para tocar un tema con gaitas, pandeiretas e acordeóns.

A canción que tocarán nesta interpretación multitudinaria é Vente vindo, con música composta polo profesor Óscar Rodríguez e letra de Manuel Figueiras, profesor de lingua e literatura galega recentemente xubilado despois de anos dando clase no instituto Lama das Quendas.Vente vindo formaba parte do repertorio de Folk con Grelos, un proxecto municipal no que participaron músicos ligados a esta escola, entre eles Óscar Rodríguez, que chegou a gravar en estudo e durou ao redor de dous anos.

O récord das 540 matrículas deste ano

A Escola de Música de Chantada ten este curso algo máis de 540 matrículas, a cifra máis alta desde a apertura hai aproximadamente quince anos deste centro de carácter municipal. Perto de duascentas destas matrículas corresponden á sección de música tradicional, que está entre as que máis está crecendo.

Óscar Rodríguez cre que neste incremento do interese por aprender a tocar a gaita ou a pandeireta algo ten que ver o bum en Galicia de grupos de base tradicional, como as Tanxugueiras. «Pero tampouco nos quero quitar méritos -di- aos que traballamos na escola». A el parécelle que tamén inflúe a visibilidade que gañaron cando hai dous anos presentaron a agrupación de gaitas da escola e coas súas actuacións posteriores nas feiras do viño dos dous últimos anos. A escola abrirá no mes de maio un prazo de reserva de praza para os alumnos xa matriculados que queiran reservar praza para o vindeiro curso. É unha medida necesaria porque co volume actual de matrícula a capacidade da escola xa non dá para moito máis.